Novembro 2025

Casas pechadas e en venda en Piño

A nosa aldea, como boa parte do rural galego e tamén do resto de España, vai quedando pouco a pouco máis deshabitado. Cada ano son máis as casas que se pechan, algunhas durante tempo, e outras que se poñen á venda coa esperanza de que alguén as devolva á vida.

Hai poucos anos uns veciños polacos compraron o antigo café do Castor e da Anita, e hai apenas un par de meses uns holandeses fixéronse coa casa orixinal dos Quevedo. Son pequenos sinais de movemento nun lugar onde moitas portas permanecen pechadas, pero tamén onde seguen aparecendo novas oportunidades.

Na actualidade hai varias casas en venda en Piño, algunhas delas anunciadas en Internet, como estas tres:

🏠 1. Antiga casa de Manueliño (Idealista ref. 108371137)

💶 Prezo: 179.000 €

📐 Superficie: 203 m² construídos (180 útiles)

🛏️ Habitacións: 3 🛁 Baños: 3

Esta casa, que fora a antiga vivenda de Manueliño, foi comprada hai uns anos por un matrimonio que a reformou por completo. Tras separarse, decidiron poñela de novo á venda.

A vivenda está lista para entrar a vivir e conta con piscina, jacuzzi, churrasquera e calefacción individual de gasóleo.

Ten salón amplo, cociña equipada e tres cuartos luminosos.

Situada na zona de A Pobra do Brollón, ofrece tranquilidade e boa comunicación coa cidade de Lugo (a uns 45 minutos).

🏡 2. Casa dos Cerca (Idealista ref. 109626493)

💶 Prezo: 225.000 €

📐 Superficie: 320 m² construídos

🛏️ Habitacións: 4 🛁 Baños: 2

🚗 Garaxe incluído 🌿 Terreno duns 2.000 m²

Antiga vivenda da familia Cerca, reformada e en perfecto estado de habitabilidade.

Dispón de dúas plantas:

Na superior, unha ampla cociña con office, catro dormitorios dobres, salón-comedor, baño completo e terraza.

Na planta baixa, outra cociña, un aseo e varias dependencias dedicadas a bodega e almacén.

No exterior hai un gran patio con alpendres, pozos de auga e un terreo duns dous mil metros cadrados.

Atópase a só 8 km de Monforte de Lemos, con boas comunicacións e servizos preto.

🏠 3. Casa do Sofeca, coñecida tamén como a da Silvina (Idealista ref. 109329357)

💶 Prezo: 70.000 €

📐 Superficie: 300 m² construídos

🛏️ Habitacións: 5 🛁 Baños: 1

🌿 Parcela de 3.000 m²

A coñecida casa do Sofeca data aproximadamente dos anos oitenta do século XIX. Foi construída nos tempos do cura Sal, quen a mandou facer xunto á reitoral para que nela vivise unha sobriña súa, antepasado de Silvina, veciña de Piño.

A vivenda ten dúas plantas e precisa reformas, pero conserva moito carácter. Conta cun patio cuberto, forno en bo estado e unha finca ampla con vistas ao Caurel e ao Incio.

Ademais, o que fora a antiga fragua de Piño tamén está en venda.

Nese mesmo lugar, nun determinado momento tamén recibiron clases os pequenos de Piño, cando o espazo serviu de escola improvisada para a infancia do lugar.

Hoxe, en Piño, moitas casas permanecen pechadas, pero tamén hai futuro nas que buscan novos donos. Cada unha delas conta unha historia distinta e agarda alguén que queira continuar escribíndoa.

Cabodanos en Piño

Xa pasou un ano do pasamento de dous veciños moi queridos: Avelina da casa de Murra e Salvador da casa de Xacobe.

Este sábado, 9 de novembro, celebraranse na igrexa parroquial de Piño a misa por Avelina e o vindeiro sábado 15 a misa por Salvador.

Ambos eran nonaxenarios, superaron con dignidade e boa saúde a barreira dos noventa, algo que non todos logran. As perdas sempre doén, pero cando chegan a esta idade, queda a tranquilidade de saber que viviron o seu tempo, que deixaron recordo e exemplo, e que se foron como un día nos iremos todos.

Avelina e Salvador, sempre na lembranza da veciñanza de Piño.

Un veciño máis que se nos vai neste Día de Todos os Santos

Comezamos o día 1 de novembro coñecendo a triste nova do falecemento de José Pardo Armesto, natural de Freituxe e con residencia en Barcelona. Foi marido de Elena González, da casa do Farnés de Piño, e pai de tres fillos: José, Jesús e María Elena. Trasladaron o corpo para darlle cristiá sepultura no nicho familiar do cemiterio parroquial de Piño, e o funeral tivo lugar ás 13:00 horas do martes día 4.

Pepe, como era coñecido por todos, foi un home moi amable e traballador. Aínda que levaban moito tempo vivindo en Barcelona, gustáballe vir sempre a pasar o verán a Piño, á casa que posúen, e atender a pequena horta que cultivou ata que lle foi posible. Faleceu aos case 96 anos de idade. D.E.P.

As Grandes Casas das Aldeas

  • Desaparecidas

    Nesta categoría van as casas pobres de solemnidade, que vivían da caridade dos demais e casas que desapareceron ben por fusionarse con outras, ou onde se ergueu outra no seu lugar e outras onde quedan vestixios da súa anterior existencia.

  • Contemporáneas

    As  casas sitas nos distintos lugares de PIÑO, as cales se irán engadindo consecutivamente ata ter o rexistro completo sen que haxa ningunha data límite para dar por rematada a sección.

  • Fidalguería

    Fidalgo : Persoa pertencente a unha clase social que vivía das rendas das propiedades agrarias, dominante, xunto co clero, no agro dos países de Europa Occidental entre a Idade Media e a xeneralización do capitalismo e que en Galicia se apoiou na institución do foro.

    Os pazos dos fidalgos.   Fonte: Real Academia Galega