Agosto 2025

Piño: pintados e sinalados os baches da estrada

Os baches da estrada que une a Carretera Vella con Piño apareceron pintados e marcados seguramente polos operarios da Unidade de Mantenemento e Conservación da Deputación de Lugo, encargada de coidar e reparar as estradas provinciais. Supoño que será para que os vexamos mellor e que non nos metamos co coche neles, ou para arranxalos dentro de pouco. Xa vos contarei.

Fume do día 15 en Piño

Fume, cinza e memoria: crónica dunha ameaza que non cesa

O sábado 15 de agosto, unha densísima manta de fume envolveu o ceo e ocultou o sol, deixando unha atmosfera opresiva que nos apertou o corazón de angustia e incerteza. Non viamos o lume, pero sabíase que ardía, logo soubemos que a 40km o monte e a 70km aldeas completas. A cinza que caía, combinada co escuro do ceo, creaba unha ansiedade que non sabíamos se chamar medo, impotencia ou angustia.

A confirmación chegou pouco despois: aos incendios en Ourense sumábanse os de Valdeorras, que avanzaban cara a Quiroga e O Courel. En Ourense, só durante aqueles días, as chamas arrasaron máis de 60.000 hectáreas, con focos activos en Larouco, Chandrexa de Queixa, Oímbra, A Mezquita, Carpalleda… mentres Valdeorras vivía noites de insomnio coa máxima alarma ecolóxica, chegando as chamas a menos de 300 metros do Teixadal de Casaio, o bosque máis antigo e singular de Galicia.

A sensación era compartida: “Se non o apagamos nós, ninguén virá arranxalo.” Esas palabras reflicten unha xenerosa determinación, unha certeza de que o territorio só se defenderá co noso compromiso.

As comunidades afectadas pediron axuda inmediata: brigadas, maquinaria, medios aéreos e apoio militar e civil. O Goberno central respondeu anunciando un pacto de Estado para afrontar a emerxencia climática e despregando 500 efectivos da UME, dos que preto de 200 están en Galicia.

Os incendios forestais que nos rodearon en 2006, os do Caurel e da Pobra do Brollón hai uns anos, e os que volven ameazar as nosas terras, non son fenómenos illados. Moitos deles foron provocados, non por accidentes, senón por intereses económicos que buscan especular co territorio: cambiar o uso do solo, expandir proxectos inmobiliarios ou agrícolas, ou eliminar vexetación que molesta a grandes intereses. Non somos os únicos; fenómenos similares ocorren en Grecia, Portugal, California, Brasil e Francia, sempre ligados á especulación, á presión urbanística ou á fronteira agrícola.

Mentres tanto, as persoas que viven no rural, que coidan a terra e o monte, son as que sofren as consecuencias: perda de fogares, de traballo e de identidade. Por iso, desde WebPino, queremos render homenaxe a todas esas persoas que senten, comparten, resisten e loitan. E tamén a todas as que, co po nos ollos e a cinza na pel, non deixan de ver a luz que aínda segue viva. Porque, malia todo, o monte segue sendo noso.

Neste contexto, é tamén evidente que as Políticas Agrarias Comúns moitas veces perseguen un modelo produtivo que non se adapta ao territorio. O cambio das microexplotacións por macroexplotacións é un exemplo claro de fracaso: non só non dá resultados, senón que debilita a economía local, aumenta o abandono do rural e pon en risco a sustentabilidade ambiental. Para solucionalo, precisamos políticas e incentivos que favorezan pequenos produtores, cooperativas e produtos locais; regulacións que fagan viables modelos sostibles; e un compromiso de consumidores, administracións e comunidades para que o rural e o monte sexan valorizados e respectados.

Breves

15 de agosto – Festividade parroquial en honra de Santa María

Ás once da mañá celebrouse a misa na honra de Santa María, patroa da parroquia de Piño. Desde o falecemento de don Manuel, as misas deixaron de ser dominicais e realízanse unicamente o día da patroa, nas festas ou con motivo de misas de funeral, bautizos ou comunións. O actual párroco, don José Luis, foi o encargado da celebración.

Para esta ocasión, as portas da igrexa xa estaban recentemente pintadas e acondicionadas, ofrecendo unha imaxe renovada.

17 de agosto – Día dos Mártires Galegos

No local social tivo lugar un xantar de confraternidade, organizado pola directiva da Asociación de Veciños, ao que asistiron máis de setenta persoas, entre veciños e veraneantes. A cita incluíu comida, música e baile.

É necesario contar cunha data de reencontro e festexo anual, pois serve para xuntar á comunidade e compartir momentos de convivencia.

Deste xeito, o mes de agosto en Piño quedou marcado tanto pola devoción relixiosa como polo encontro veciñal. Dúas citas que, con luces e sombras, recordan a importancia de manter vivos os vínculos da parroquia e de seguir traballando para que cada quen se sinta parte da comunidade

Novo ataque do lobo en Piño

Hai unhas semanas o lobo fixo a súa aparición en Piño, onde atacou un rabaño de ovellas da casa do Arribada de Pacios, situadas na finca do Sofeca. O balance foi de varios animais mortos e outros feridos.

Facía anos que non se rexistraban incidentes semellantes dentro da aldea. A última presenza confirmada do lobo remóntase a unha gravación realizada por unha veciña nas inmediacións da igrexa feita fai pouco anos. A lembranza do lobo oubeando na Fonte da Vila, un son habitual noutrora, leva décadas en silencio.

Os ataques ocasionais deste animal dividen á veciñanza: mentres uns consideran que son razón dabondo para promover o seu exterminio, outros chaman á reflexión sobre a importancia de conservar a fauna silvestre. Argumentan que as políticas actuais están a empurrar á desaparición non só do lobo, senón tamén doutros animais.

Segundo estes defensores, a perda do agro cultivado priva ás aves do alimento; a prohibición de deixar no monte o gando morto, práctica tradicional, resta recursos aos carroñeiros; e a combinación de caza, enfermidades e incendios fai cada vez máis difícil a supervivencia da fauna. A preocupación é que, de continuar así, en poucas décadas apenas quede rastro da riqueza natural que caracterizou a zona.

Fotos das Redes Sociais

Obradoiro con Terra

Dende o sábado día nove de agosto ata o martes 12 realizouse o obradoiro de tapiais organizado por Nuria Alvarez Coll, Alejandro Fez Palicio, Patricia Marchante e Ana Pato.

Algunhas das técnicas que se realizaron foron os revoques e a contrucción de paredes de terra apisonada.

O evento tivo moi boa acollida e foi todo un éxito.

Estratos na terra

Dentro das actividades que anunciabamos o mes pasado previstas dentro do proxecto "Estratos na terra. Cartografía das técnicas de arquitectura tradicional da Ribeira Sacra casa o desenvolvemento dunha paisaxe resilente". proxecto desenvolto en alianza co Consorcio da Ribeira Sacra e o Ministerio de Cultura.

As persoas impulsoras desta iniciativa, Branca, Alba e Xavier organizaron a visita patrimonial o sábado 9 de agosto á tardiña e tamén o obradoiro que realizaron conxuntamente con Nuria Alvarez na súa propiedade aproveitando o evento paralelo que se desenvolveu durante catro días.

imaxe da praga

Alerta vecinal:
Praga de Tortrix viridana nos nosos carballos

Nas últimas semanas, observase un ataque masivo da avelaíña verde (Tortrix viridana) nos carballos da nosa zona.

Por primeira vez está chegando ás arbores do Castro, de Outeiro e do Souto Grande e todo apunta que en poucos días vai estar todo infectado.

Esta praga defoliadora aliméntase das follas novas, debilitando as árbores e facéndoas máis vulnerables a outras enfermidades e pragas secundarias. Aínda que os carballos poderían rebrotar o próximo ano, unha repetición destes ataques ou veráns secos poderían agravar o seu estado, aumentando o risco de morte.

Que podemos facer?

Vixilancia: Observar os carballos afectados e rexistrar novos danos.

Xestión forestal: En casos graves, consultar con expertos en silvicultura para valorar medidas de control (como trampas de feromonas ou tratamentos biolóxicos).

Prevención: favorecer a biodiversidade para fortalecer os ecosistemas forestais. Estaremos atentos á evolución da situación e compartiremos novas informacións.

Se notas danos severos nos teus carballos, non dubides en avisar ás autoridades forestais ou á comunidade para valorar accións conxuntas. #Conservación #Carballeiras #PragasForestais

O Lume é unha amenaza para todos.

Estamos estes primeiros días de agosto soportando temperaturas non recordadas no territorio co que o risco de incendios multiplicouse por mil e afloraron centos de incendios en todo o país. A cinza aparece enriba dos nosos coches e o cheiro a fume e casi insorportabel. Estamos moi apenados por ver como son moitas as persoas que perderon os seus bens, casas e animais e algunha incluso a vida nesta ola de lume catastrófica. Temos que ser conscientes e estar preparados porque en calquera momento nos pode tocar a nós e non pode atoparnos desprevenidos.

Urxe ter un plan e temos que estar ALERTA.