Setembro 2025

En Piñopatacasvendimahorta Tempo de Colleita

Finais de Setembro

O 24 de setembro deixounos Raúl, da casa Carballal, tras varios anos loitando contra o maldito cancro. Coa súa marcha, váise unha figura coñecida e relevante na vida do pobo.

Raúl foi sobre todo un home emprendedor. A súa andaina pública comezou como fontaneiro, para despois dar o salto á hostalaría a finais dos anos noventa rexentando a cantina do Vila, aquí en Piño, xunto coa súa entón dona. Do seu matrimonio naceu a súa filla Vania. Logo deixou a súa pegada en Monforte, onde rexentou durante unha tempada o popular bar Xiros, na zona da Duquesa. Cando se cansou deste sector, reorientou a súa carreira e fíxose camioneiro, un traballo que desenvolveu ata hai poucos anos.

Un home así, cunha presenza tan activa e pública, non puido menos que marcar as vidas dos que o rodearon. Os seus actos, as súas decisións e a súa mesma existencia foron pezas fundamentais no camiño de outros. Sen a súa intervención, as historias de moitas persoas serían hoxe irrecoñecibles, pois el foi, sen pretendelo, un axente decisivo que modelou destinos alleos.

Vaise un veciño. E con el péchase un capítulo complexo e fundacional para algunhas das nosas biografías.

Que descanse en paz.

D.E.P. Concha

O día 21, domingo pola tarde, na igrexa parroquial, misa de funeral e, a continuación, sepultura no camposanto dunha nonaxenaria que foi exemplo de sacrificio e traballo: a Sra. Concepción, coñecida como Concha, viúva de Lino da casa do Justo, o que fora o último zapateiro de Piño, finado en abril de 2012 . Concha era oriúnda de Ribas Pequenas pero dende que casou veu para Piño.

Foi unha grande traballadora ata o final dos seus días ainda que dende hai un par de anos padecía dun deterioro cognitivo contiuado que a apartou do agro.

Tiña paixón pola vida, polas prantas e pola horta, dende o proceso da obtención de sementes ao da recolección. O seu neto, Carlos, fillo da súa única filla, Marina, continua hoxe en día con esa paixón polos cultivos tradicionais da horta galega e dende fai uns anos rexenta un posto na praza de Abastos de Monforte.

Sempre a recordaremos polo que foi, unha muller moi traballadora, moi boa persoa e boa moza. D.E.P.

1ª Quincena de Setembro

Como ben sabedes rexento unha libraría e nestas datas a carga de traballo chega ao punto máis elevado. Está sendo a mellor campaña de volta ao cole que veño realizando dende que no ano 2019 me fixen cargo da Librería Pelayo.

Nestes primeiros días tamén chegou o libro de relatos manuscritos do 2º certame que dende Peruchela Edicións veño promovendo para fomentar a escrita a man e a creatividade e quen sabe quizas descubrir un novo talento no mundo das letras.

Máis cousas

Falando de cousas relacionadas cos redores contar que se celebrou o San Vitoiro na Pobra con moi pouca afluencia de xente segundo me comentou miña irmá que se acercou alí a xantar con varios amigos. Houbo festas en Bóveda do San Xil e tamén en Ribas Pequenas, o bon tempo acompañounos.

Finais de Agosto

A tristeza e o pesar polo falecemento sorpresivo do concellal de obras do concello Ricardo Rodicio fíxose notar e fomos moitos os que nos quedamos en shoc por tal desenlace. Na imaxe podes ver a Ricardo na festa dos avós do ano 2007, xa como concelleiro de cultura por aquel entón. A morte sempre sorprende, é caprichosa e non sabemos a que porta vai ser a seguinte en chamar.D.E.P.

Primeiros de Setembro

A primeiros de setembro houbo unha avería na traída da auga ainda sen rematar de solucionar xa que están sinaladas na estrada avisando do perigo.

Por consenso decidiron pasarlle unha pala nivelando o camiño que vai dende o cimo da Riba ata a Cruela. No primeiro tramo do camiño botáronlle terra de Pompedriña para allanar e tapar uns coios que alguén botara e que quedaran sen acondicionar.

Tamén botaron terra no camiño que vai a Outeiro nun tramo que estaba bastante deteriordo.

Fai un par de meses tamen desbrozaron o camiño de servicio do Regadío do Val de Lemos.Hoxe 14 de setembro comezo o resumo do acontecido dende finais de agosto ata hoxe.

O Agro e a natureza

Este ano a colleita de patacas é pequena debido ao calor extremo que sufrimos. Todo o mundo que as arrincou quéixase do mesmo. Hai poucas.

En canto as uvas, facía máis de vinte anos que non se lograba unha colleita como esta na maioria das cepas e parras de Piño. Están moi sanas e no seu punto de madurez.

Os figos e os cirulos este ano tamén enchen leiras e camiños e nas hortas os tomates e outras verduras déronse ben. Polo contrario as froiteiras como as maceiras ou pereiras non teñen un bon ano, quedaron pequenas. Imos ver que máis froitos nos vai traer o outono.

E a pesares de todos os contratempos e pragas, a pesares dos ataques insistentes das Velutinas, ainda quedan colmeas en Piño, grazas a laboura de un xoven veciño que aposta pola terra e a biodiversidade e que instalou xa fai moitos meses varias colmeas na parroquia para produción de mel.

Nas imaxes tamén poder ver un cento de corvos que apañou estes días os restos da malla do trigo trimesino que un veciño sementou en Pompedriña.