Comentarios

No comments

Nobody has submitted a comment yet.

Historia de Piño

As terras que conforman este territorio do sur lucense, así como as do resto de Galicia, foron poboadas polos Oestrymnios, raza autóctona do lugar adicada á caza e á recolección.  No século VI a.C. foron desprazados por pobos Celtas que se asentaron no territorio galaico ata a conquista definitiva polos romanos no ano 25 a. C. na famosa  batalla do monte Medulio.  Aqueles derradeiros valentes castrexos, despois de saberse vencidos polos romanos e antes de entregarse á escravitude, decidiron bailar e beber para logo envelenarse e morrer, de alí a consigna referente a este suceso "Denantes Mortos que Escravos". Romanticamente cremos que moitos salvaron e que o sangue destes primeiros homes mesturouse  co sangue romano, visigodo e mais tarde árabe,  conformando deste xeito un novo xentilicio.

      Os astures nomeaban  "Callaecis" aos habitantes destas terras, que non adquiriron a denominación de Gallaecia ata o 288 d.C. e que lle foi dada polo emperador romano Diocleciano. As máis de 50 tribos, etnias ou pobos,  que ocupaban o territorio recibían distintos nomes. Na nosa comarca eran os Lemavi cuxa capital Dactonium a día de hoxe aínda ten unha incerta localización.

 

 

Fundación
Hai fontes que relatan  a data exacta da fundación da Parroquia de Santa María de Pino, tal día como  o 18 de Maio do ano 1222.  
Hai documentos antigos,  como un do ano 1.477 onde o abade de Castro de Rei  de Lemos afora a Pedro Fernández o casal de Piño. Isto quere dicir que o abade lle deu a este señor un  pequeno conxunto de casas  dentro do pequeno núcleo de poboación.

         O Catastro do Marques  da Ensenada (1750-1754) asegura que Piño nunca contou ó longo da súa historia con minas, saliñas ou  muíños e o seu desenvolvemento a través dos séculos tivo que ver exclusivamente da explotación das  terras  e da gandería. 

      Pertencente a xurisdición de  A Pobra do Brollón, un dos  escasos "territorios de realengo" que conservou en Galicia a Coroa. Tódalas aldeas deste territorio durante toda a Idade Media eran polo tanto  de realengo, que son os que teñen por  señor a “Su Majestad, Dios le guarde, sin que se reconozca otro señorío ni por esta razón se pague cosa alguna a ningún señor”. Un privilexio para  a nosa terra  nesa época de tantos séculos, xa que a maior parte do territorio de Galicia era de xurisdición señorial ou de abadengo, sendo escasas as terras de xurisdición real.
  
          Aló polo 1494, os Procuradores de A Pobra do Brollón,  Gonzalo de Losada e Xoan Franco, denunciaran aos Reis Católicos que:
 "El Conde de Lemos y sus oficiales obligaban a los vecinos de Puebla a realizar una serie de serventías y fazenderas, con es ir a labraren en su cavas e ferrerías, e en otras cosas, e faziendo cortar madera e que los dichos las llevasen a sus casas sin les pagar por ello salario alguno". ( García Oro, P.: La Nobleza gallega en la Baja Edad Media) 
Os Reis reprenderon ós Condes de Lemos por tales abusos. Aos poucos días,  eses mesmos Condes,  quixeron impor un novo dereito que incluía o pago da quinta parte de pan e do viño que se recollían en dita terra do Brollón.    Os veciños resistiron unha vez máis e pedíronlle aos reis unha solicitude de amparo e estes tiveron que recordarlles unha vez mais aos feudais de Lemos que a terra da Pobra era de realengo e que semellantes exaccións foran prohibidas polas cortes de Toledo no ano 1480.  
Para finalizar  con este tema, aclararei  que a nosa aldea así como as aldeas do concello  da  Pobra do Brollón,  si, debían pagar un tributo aos Condes de Lemos, o famosamente nomeado  "Alcabala Vieja", imposto que aló por 1750, seguían pagando todos os veciños, como se desprende da catastro do Marqués da Ensenada. Probablemente este imposto tivo orixe na época onde os guímaros pelexaban cos  feudais e foron vencidos. (Moure-Mariño, Luis: Apuntes para la historia de Monforte de Lemos)
    
         Piño pagaba diezmos ó párroco por todo canto producía, como todas as parroquias,  e tamén a xa citada  "Alcabala Vieja"  á  Condesa de Lemos que no século XVIII era de 540 reales vellón, 12 maravedís, excepto viúvas e solteiros que pagan “6 averiáis que importan catorce reales y veinte maravedíes vellón uno y otro anualmente”.   

Arquitectura Relixiosa

Sabemos que no ano 1.634 da nosa era, construíuse  unha capela na actual Finca de Balboa, por D. Matías López Pallares que aínda se conserva en pé e que está catalogada. Da antiga igrexa da Parroquia temos datos que a sitúan na zona chamada Outeiro e probablemente no século XVI  trasládase ó Castro e de alí  vólvese a trasladar de novo a mediais do século XIX á situación actual. Este traslado de Igrexa ten a súa LENDA.

Século XVIII
No número XX e XXI, sucesivamente, da revista Escolar OUTEIRO, do colexio Público da Pobra do Brollón, publícanse sendos reportaxes das "Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada".
En ambas reportaxes, un sobre Santa María de Piño e outra sobre San Pedro de Pobra do  Brollón pódese apreciar, que a poboación destas localidades era menor que as vivendas que os conformaban.   A de San Pedro de A Pobra do Brollón en data 31/12/1752 era de 49 veciños, 5 pobres de solemnidade que non se inclúen no número de veciños,.126 casas habitables, 4 inhabitables e 12 arruinadas. En  Santa María de Piño en data 14/01/1753 era de 44 veciños,  3 pobres de solemnidade que non se inclúen no número de veciños, 54 casas habitables, 6 inhabitables e 2 arruinadas.
O descenso da mortalidade que tivo lugar a partir da segunda metade  do século XVI fai aumentar la poboación hasta finais del século XVIII onde a mortalidade catastrófica aumenta outra vez. A poboación estáncase e decrece de novo debido ó mal clima, ás malas colleitas, ó aumento de prezos e ás diferentes guerras.
  
        Relatan as respostas do Catastro  que a  mediados do século XVIII contaba a nosa aldea nos seus haberes con dez colmeas: seis pertencían a Francisco da Iglesia, tres a Pedro Darriba e unha a Francisco Nuñez.  Tamén figuran como membros da aldea un cirurxían, Xacobo Dabila; un escribán da  súa Maxestade, Remixio Pérez Fernández; un estanqueiro de tabaco por menor, Domingo Armesto e dous ferreiros, Joseph e Manuel Pérez. Asinan como testemuña da veracidade destes datos os tamén veciños daquel entón D. Pedro Sánchez Somoza, D. Francisco Antonio López Somoza e D. Francisco Vázquez.
    
         Os anos  finais do século XVIII son significativos pola introdución de novos alimentos tales como o millo e a pataca. A pataca é un cultivo de ciclo corto e máis resistente as inclemencias climáticas e o millo producíase moito máis que o trigo. Ao ser de raíz máis profunda vai provocar menos erosión e fai que se esgote menos a terra. Non se utilizan abonos agás naturais e animais. Vai aparecer o cultivo de leguminosas que, combinado con outros cultivos, evitan os barbeitos. 
A agricultura e a gandería, practicada de campos pechados, era unha agricultura familiar e moi produtiva e ademais, aproveitábase  o  bosque para a leña.

Século XIX

Da chegada dos franceses a Piño chegaron testemuñas orais ata os nosos días. Dicía a  Visita de Carpinteiro, a última comadroa da nosa aldea, que a súa  avoa lle contaba a chegada dos franceses pola carreira de Suhortos; tamén Dolores a filla da Carolina, a mai do Salvador de Xacobe,  contaba a súa vez que a súa avoa fora a que dera o aviso da chegada do exército francés ao resto da aldea, cando dende o miradoiro do cimo da Riba os viu vir da dirección de Freituxe, sitio onde  estableceran o acuartelamento,  no priorato de dita parroquia. Ises relatos dos acontecementos chegaron ata os nosos días. A  avoa da Visita relatoulle a desfeita que fixeran en Suhortos  os franceses cando ao chegar entraron nunha grande adega e logo de beber a fartar abríronlle aos bocois e verteron o prezado líquido polo carreiro. Sabemos tamén por tradición oral  que no cemiterio do Castro están os corpos de 3 deses franceses que probablemente faleceron por causas naturais.

      1808-1809: A ocupación francesa en Galicia foi a menor de toda España. A Xunta de Defensa do Reino de Galicia é o órgano supremo da resistencia. Galicia foi o  primeiro lugar do mundo no que mediante unha estratexia de guerras de guerrillas foi posible derrotar a un exército regular súper poderoso”.(Campagnes en Espagne et au Portugal 1808-1814). O Duque de Wellington pronuncia a súa  famosa frase: “Españois imitade os inimitables galegos".

        Piño era terra de viño e  de tódalas montañas do redor viñan buscalo en carros tirados por bois. Púidose escoitar ese cantar dos ruxir dos carros ata mediados do século XX. “Se queres bon viño vai a Piño”, dicían os das montañas.
       Dos años 1845-1850 é o  Dicionario Xeográfico estadístico-histórico de Galicia, do Ministro de Facenda D. Pascual Madoz, que no seu tomo V refírese a : "Pino, Santa María: Feligresia en la provincia y diócesis de Lugo (9 Leguas), partido Judicial de Quiroga (3 Leguas y media) y ayuntamiento de Puebla del Brollón, situada en una altura llana con exposición al oeste. Clima templado y bastante sano: Comprende los lugares de Vales, Carballal, Castro, Cerca, Corral de Gándaras, Pacio, Suhortos y Requeixo que reúnes 42 casas de las que solo 42 merecen este nombre; escasea de aguas y en el verano se surten las más de aguas de pozos. La iglesia parroquial (Santa María) está servida por un cuarto de entrada y patronato lego: hay cementerio al E. e inmediación de la iglesia. El término se extiende por dónde mas a 4/2 leguas, confina por el N. con Freituxe; al E. Eixon y Fornelas ; al S. La Parte y Fornelas y al O. Ribas Pequenas  El terreno es de segunda clase y le baña el arroyo Teixugo, formado de las vertientes de Canedo y Layosa, el cual corre a unirse al Mao, pero se agota en el verano. Se encuentra algún arbolado de Castaño y prados de pastos. El camino de Castilla que pasa al Cebrero y Monforte se haya en mediano estado. Correo: se recibe de Monforte por un peatón tres veces a la semana. Productos: Centeno, trigo, maíz, patatas, legumbres y vino; cría ganado vacuno, de cerdo y lanar, hay caza de liebres y perdices y se pescan algunas anguilas. Industria: la agricultura y molinos harineros. Población 42 vecinos, 210 almas."
    
      En referencia a esta descrición que de Piño se fai neste dicionario engadimos que ademais dos pozos, en Piño  construíronse minas para levar auga dun lugar a outro  para o seu consumo. Podemos nomear máis de sete minas de auga en Piño: Mina de Alexandro situada no Souto; Mina da Cerca sita no Toural; Mina da Mota; Mina de Balboa; Mina dos Plises; Mina do Murra; e varias minas nas Devesas do  Xusto.

      Un feito moi importante que aconteceu en España foi a desamortización de Mendizabal onde as terras do clero lle foron expropiadas e subastadas publicamente. O noso Castro foi comprado polos Robles de Veiga que eran os únicos da contorna que contaban con medios para facelo. Puxeron  de encargado de administrador delas ao sr. Pedro de  Paz e traballáronas ata o século XX onde comezaron a dividila en parcelas e a venderlla aos particulares na súa maioría  emigrantes retornados de Cuba e doutros sitios que traían algo de cartos para poder adquirilas.  (Rexistro Civil)

        As actas de carácter civil existen dende a creación en España no 1.870 do Rexistro Civil. Polo tanto, as partidas de data posterior a esta poderemos buscalas nas oficinas do Rexistro Civil ou nas Oficinas Consulares da cidade ou vila que nos interese. As actas ou documentos relixiosos serven para a busca de partidas de data anterior a 1.870. Haberá pois que dirixir a investigación aos Arquivos das Parroquias, aos Arquivos Diocesanos e aos  Arquivos Castrenses. Os Arquivos Parroquiais existían dende moito antes do Concilio de Trento, que establece a obriga das  Parroquias de manter de maneira regular e continua un censo dos bautizos, matrimonios e actos relixiosos que se celebraran. Os decretos do Concilio de Trento teñen aplicación total en España a partir da disposición de 12 de xullo de 1.564, ditada por Felipe II. Antes desa data nalgunhas parroquias xa se recollía testemuña  de ditos actos nos libros sacramentais correspondentes a bautizados, casados e defuntos a partir de mediados do século XV.

Emigración  
Nos últimos anos do século XIX moitos dos habitantes de Piño, como outros moitos de Galicia, decidiron emigrar en busca de fortuna. Calcúlase  que a finais deste século emigraron 900.000 persoas e no século XX,  2.000.000 de galegos de forma permanente, o que ven a supor un 40% dos natos no país e o 2/3 da poboación actual de Galicia. Aínda hoxe viven na emigración cerca dun millón de galegos, así como varios millóns de fillos e netos de galegos. Os principais puntos de destino permanente da emigración foron Cuba, Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai, Colombia, Perú, República Dominicana en América; Portugal, Alemaña, Francia, Bélxica e Inglaterra en Europa; Sudáfrica e Mozambique en África; Australia e Canadá. Dentro de España, Barcelona, Madrid, País Vasco e Canarias. 
(Datos extraídos da Confederación Intersindical Galega).
  
     A irmá dun dos meus avós, Xesusa López Díaz emigrou como unha galega máis a Arxentina no ano 1909. Alí tivo 12 fillos, 47 netos e 57 bisnetos dos cales desfrutou ata o ano  da súa  morte 1979. Outro dos irmáns embarcouse de polizón nun barco a Cuba aos 12 anos de idade. Así como eles,  en todas as casas de Piño había a principios do século XX fillos e irmáns emigrantes, que non sempre contaban fortuna.
  
      Unha figura, unha muller, moi importante na nosa aldea foi a sra. Carmen de Outeiro. Ela foi a que se encargou de preparar os papeis e buscar traballo en Arxentina a centos de persoas dos redores durante varias décadas. Ela sabía un pouco máis ca os outros e conseguiu sobrevivir grazas a súa intelixencia. (Lenda).

Século XX


Alá por 1927 celebrábase unha Feira. Contáronos os veciños máis maiores que  se celebrou  no monte común do Souto Grande e que foi a consecuencia da disputa terreal entre os aldeáns e a casa da Eirexa. Esta Feira celebrouse unicamente aquel ano.  
Ao redor do ano 30 a tuberculose fai a aparición na aldea e morren por falta tratamento a maioría dos  membros da familia de Gallego unha das que máis viño producía daquelas e moitísimas máis persoas doutras familias.
En Piño houbo durante o século XX  un estanco situado na Fragua de García no barrete do Lugar, rexentado por Benito Balboa e Dolores (Vila). Lenda 
Houbo varias tendas de ultramarinos.  A primeira foi a cantina do Ramón do Xastre, situada no Corral de Gándaras e que logo seu falecemento pasaría a chamarse a tenda da  Cantineira. Conviviu esta tenda coa  do  Marcial que estaba situada no Requeixo. Contaban algúns veciños que lembran que tiña unhas grandes follas de bacallau colgado de máis de dous metros e cubetes de aceite  a onde ían os veciños abastecerse.
Antes do 36 nunhas eleccións municipais  uns veciños puxeron unhas fachas de palla ardendo na porta da igrexa parroquial dirixidos polos seus pais e co beneplácito do cura para interferir no proceso democrático e botarlle a culpa á esquerda. Ese día levaron presos aos candidatos do noso  pobo que se presentaban pola esquerda. Seica lle chegaron a sacar os badalos das campás para incriminar a inocentes.
Coa chegada da guerra civil o pobo sufriu morte e fame, máis non tanto como nas cidades. A necesidade era extrema pero aquí nas aldeas contaban coa terra nai produtora de alimento. Contáronnos  veciños que nos primeiros anos da posguerra había tanta necesidade que nas épocas da sega onde  había que darlles de comer ás cuadrillas, os anfitrións poñían o touciño ao sol  para que collese rancio e non tivesen ganas de seguir comendo.
As antigas minas de augas, serviron de escondedoiro de armas e homes durante este período da nosa historia.    
O Café  inaugurouse despois da guerra como cantina con venta de produtos de primeira necesidade tales como escobas, cafés, aceite ou azucre.  Os homes  reuníanse a escoitar a radio e a  xogar a partida diaria e facer todo tipo de apostas, algunhas que transcenderon e que dan conta da valentía dalgúns á hora de facer cousas incribles.
Na década de 1950 chegaron os primeiros puntos de luz  a nosa aldea. Era producida no muiño de Santalla de Rei, por Pedro do Folla, quen instalou un tendido en Veiga, Santalla e Piño.  Aos poucos anos vendeulle a concesión a Unión Fenosa  a finais da década dos 50.
 A televisión chegou a Piño nos anos 60. O sr. Darío López (Peruchela), que máis tarde emigraría a Mozambique,  foi naquel entón o  primeiro en traelas ó pobo e en arranxalas. Por aquel entón todos os rapaces corrían a mirar os partidos na televisión á casa Reitoral onde vivía o Cura, por aquel entón, D. Elías.
Un feito moi importante que transformou para sempre o noso territorio e as nosas costumes foi a construción no ano 1969 do encoro de Vilasouto e deseguido o canal de regadío do Val de Lemos. Unha canle atravesou as terras de Piño dividindo parcelas de viñedos que na súa maioría estaban no trazado da nova vía de auga. En moi poucos anos os viñedos xa non eran como outrora e nos anos oitenta o Goberno subvencionou a arrincada das cepas pagando un tanto  por cada unha delas feito que levou á desaparición total do viñedo de Piño. Este  feito marca o fin dunha época de esplendor de varios séculos onde a fama dos caldos producidos en Piño pasou á historia.  Poucos vestixios quedan das adegas que usaban os montañeses para gardar os seus caldos  na nosa Parroquia pero na actualidade aínda existe a adega do Pontón e sabemos que no Campelo, no Pacio  e en Suhortos habías outras.
"A canle de regadío do Val de Lemos é unha desas infraestruturas que se anunciou como a gran solución ao problema das terras de secaño do sur lucense. Vendeuse como a revolución do agro nas terras de Lemos. Ía posibilitar a rega de preto de 5.000 hectáreas de terreo cultivable e a creación de industrias de transformación que contribuirían ao desenvolvemento económico e social da comarca.  A inxente obra hidráulica do regadío do Valle de Lemos, que supuxo a construción de presas e 200 quilómetros de canles  para a condución da auga nos concellos de Bóveda, Brollón, Monforte, Sober e Pantón, supuxo un investimento de 6 millóns de euros (mil millóns de pesetas dos anos 60 do pasado século). Foi nos tempos de Franco cando levou adiante esta custosa dotación, que fora impulsada pola Federación Católica Agraria de Monforte, alá polo ano 1920. En 1958 arrincaron as obras da canle da marxe esquerda e dous anos despois, o mesmo Xeneralísimo acudía a Monforte, fervente e engalanado de bandeiras, a interesarse pola marcha das obras. En 1970 rematáronse os traballos do gran proxecto hidráulico do Val de Lemos, que acabou nun absoluto fracaso, por unha longa serie de incompetencias a todos os niveis". Fonte 
A mediados da década dos 60,  introduxéronse as primeiras cabezas de gando de orixe holandés e suízo que producían máis leite que a raza rubia galega.  As familias que tiñan de 2 a 4 vacas pasan a ter entre 6 e 8.  Toda a aldea vive da gandería e do que produce a terra.  O leite producido era recollido polos Cortiñas de Veiga que  montaron  unha queixería, proxecto que non prosperou. Seguidamente  recollíao, nun carro tirado por unha mula, o Manueliño que llo vendía ao Traveso de Bóveda. Tomaría o relevo  o sr.  Pepe do Sono que cun carro tirado por un burro ía por todas as casas buscar as cántaras de leite e xuntábaas diante da súa, no Quintairo,  a onde viña dende Monforte a recollerllo o Prado.
Nos últimos anos do franquismo comezou a normalizarse o uso de tractores e de automóbiles no noso territorio. As tarefas do agricultor víronse aliviadas coa maquinaria. Rapidamente os tradicionais carros tirados por bois ou vacas comezaron a pórse en desuso. A  elaboración  dos pallares e das palleiras a finais dos 70 chegou ao seu fin. Tamén fixeron a súa aparición as primeiras ordeñadoras eléctricas nos inicios dos anos 70. Marcas como USA, MIELE foron traídas primeiramente polo Franco, sobriño do Sofeca e deseguido polo Rodríguez e Delfín de Monforte. 
Grazas á maquinaria os veciños comezaron a ampliar as súas explotacións de vacún. Non ter que munguir á man supoñía un adianto polo que na década dos 80 a maioría das casas pasaron de ter 4 ou 5 vacas a ter entre  8 e 12 cabezas. Era unha agricultura extensiva onde todos levabamos o gando a pacer. Cultivábase millo, cereais, remolacha e nabos, aparte das hortas. O gando era alimentado con produtos naturais  e unicamente se lles daba un bombo de penso ás de leite á hora de munguir.  
Os grandes toxedos que ata mediados dos 70 eran fundamentais para estrar as cuadras e darlle de comer aos equinos,(burros, mulas e machos), foron desaparecendo paulatinamente. Ao non ser necesarios os animais para realizar as labores do agro, arada das viñas, acoche das patacas e carga,  en canto foron falecendo non tiveron relevo.  As novas cadras con cangas e canaletas estrábanse con palla que por aquel entón xa era empacada e almacenada nas novas naves construídas para tal efecto xunto coa herba que xa se deixaran de recoller a granel.
Ata principios dos anos 90 conseguían vivir da agricultura a maioría das casas de Piño. A partir de estas datas fóronse xubilando cada vez máis persoas e cerrando explotacións. As que tiñan relevo xeracional foron aumentando o  número de animais e ampliando as explotacións. Os pozos de puríns substituíron ás pilas de abono feito que causou a contaminación de pozos e mananciais así como o exterminio das plantas menciñais dos prados de pastoreo.
  As fontes de auga de manancial, como a fonte dos Lugo, a Fonte da Riba e a Fonte do souto Grande non son aptas para consumo humano na actualidade. No lugar do Souto Grande, dende  2011  hai un dispositivo para coller auga en caso necesario, por iniciativa de José López que lle solicitou ao concello  levar a auga da traída do Incio ata aquí..
O potro do gando sito no Pacio pasa a ser xestionada polo concello quen nada mais comezar 2019 repara e acondiciona para poñer os anuncios da parroquia


Século XXI


A CMVMC nace en Piño no ano 2008 tras ser promovida dende a Asociación Veciñal Santa Bárbara. Dende a primeira directiva trabállase para definir as parcelas que levan os comuneiros para poder rotalas como a lei esixe. Tamén se traballa para darlle un uso as terras que están en abandono facendo distintas propostas. Un permiso para a limpeza dunha parcela  de 5 hectáreas do común das Bouzas foi concedido pero finalmente a falta de acordo provoca unha dimisión da xunta reitora agás do presidente.
No 2018 nunha reunión de veciños sae elixida unha  nova directiva que deseguido implementa medidas tales como o cobro dunha cota por comuneiro,  inclusión no listaxe persoas sen dereitos  e a • exclusión de persoas con dereitos.  A nova xunta reitora solicita unha subvención para limpar a parcela correspondente ao XUNCAL. Parcela situada nun humidal, na beira do Teixugo onde  aniñan as aves e reúnen as andoriñas para emigrar.  Unha zona con gran valor medioambiental. A idea é alugar dita parcela para obter rendas para a CMVMC e reinvestir no pobo. Tras serlle concedida  a subvención proceden a venda dos chopos e a supresión do campo de fútbol ademais de  cortar para uso propio as árbores autóctonas que tiña a parcela.  Aluga a parcela a CMVMC cun contrato que non transcendeu. Non presentan contas públicas  e ao dous anos o arrendatario pide unha carencia no pago porque o lugar  necesita ser desangrado ou senón que a CMVMC se faga cargo de facelo. A directiva intenta obter axuda do Concello para acometer a obra. Convócase unha nova reunión de comuneiros para renovar a xunta reitora e proceder á toma de decisións pero a oposición dalgúns comuneiros a facer unha votación a man alzada en lugar de segrega en urna fai que a CMVMC quede suspendida. 


Vales


Encontramos documentos referíndose a Vales del año 1220. Lugar pertencente na súa maioría a parroquia de Santa María de Piño, sendo un lugar histórico dende o seu orixe. Houbo unha granxa císter na parte de Vales pertencente a Veiga. Esta granxa pertenceu os monxes do mosteiro de Santa María de Oseira dende o século XIII, sendo para eles unha gran fonte de ingresos por os seus produtos e rendas. Lenda sobre a fundación de Vales por o  Sr. Don Álvaro Seco Parada. "Na época na que pelexaban os de Freituxe cos de Veiga, unha noite Xan de Prata alumándose só cuns fachos de palla encontrouse cos seus inimigos e farto de tanta pelexa dixo Xa vale!.  por ese motivo se chamou Vales".


Centeais


Pertencente a San Xián de Veiga os seus habitantes realizan os tramites relixiosos, bautizos, comuñóns , vodas e enterros na parroquia de Santa María de Piño O topónimo “CENTEAIS” alude a terras de Centeo por o que cabe deducir que noutras épocas eran amplos os cultivos deste cereal.


Festas


As festas da aldea de Piño son por tradición no mes de maio, na honra a  Santa Bárbara. Son unhas festas tradicionais galegas con misa solemne, gaiteiros e unha orquestra á noite para o deleite dos máis bailadores.

O Corpus Cristi e o San Antonio celebráronse anualmente saíndo en procesión  ata o pasamento do párroco D. Manuel que mantivo a tradición ata o 2018.

Outros festexos

No 2005 celebrouse a I Edición do viño novo e da castaña o 31 de outubro. Os veciños trouxeron a catar o viño novo da colleita acompañado de castañas e logo as doce da noite  leuse o conxuro da queimada. No 2006 púxoselle plaqueta os piso do local social e por iso a festa pospúxose para novembro e fíxose un concurso de repostería.

No ano 2007 celebramos o San Xoán, a festa do solsticio de verán  e  tamén a do Solsticio de Outono relacionadas dalgunha maneira cas lexendarias  festas dos nosos devanceiros castrenses.

No ano 2008 fíxose unha festa da tortilla onde houbo competición por levarse o premio á mellor  e no ano 2009 unha festa da paella.


Outros datos de Interese aportados por colaboradores:


Antigamente existiu a casa-Torre de Corral de Gándaras, destruída no século XIX. A  casa-torre era propiedade da familia Balboa-Sarmiento dende o s. XVII En Suhortos estaba  unha das casas de máis antigüidade de Piño, da que se presume que data do século nove, coñecida como a antiga casa de Alexandro,  e que neste ano 2009 escombrouse  e erguerase de novo.



No hay comentarios

As Grandes Casas das Aldeas