Comentarios

No comments

Nobody has submitted a comment yet.

Xullo 2022

Novas para rematar o mes

Aproxímase agosto e a nosa parroquia non conta con ningún atractivo turístico e os servizos de saneamento non están funcionando.
O camiño que vai dende a Riba ao Castro segue sin acondicionarse o que fai que non poidamos ir de ruta ao antigo e primeiro asentamento da aldea. Claro está que esto non é unha preocupación para os residentes habituais na parroquia pero sí que é un punto importante que pode facer que a nosa aldea resulte máis atractiva e non acelere a súa defunción.
A depuradora que lle costou ao concello uns 30mil euros non está funcionando e non se lle están facendo os mantenementos o que é unha cousa moi necesaria sobretodo no vran xa que os residuos acumúlanse pola falta de auga e teñen que ser tratados.

Deberiamos de centrarnos nas prioridades que nos atinxen a todos e non soamente a algúns. Ten que haber café para tod@s.

*************************************


Á reunión convocada polo presidente da CMVMC de Piño do 24 de xullo asistiron algunhas persoas e algúns comuneiros. As contas non foron públicas e os acordos entre outros foron intentar non extinguir a Comunidade polo que o presidente en funcións asinou unha nova convocatoria de asamblea extraordinaria para o próximo sete de agosto ás 19hs. en segunda convocatoria.

A renovación da xunta retora está pendente de facerse así como a actualización do listado de comuneiros.

*************************************

Esta última semana de mes  faleceu a sra. Dolores do Cristán a que foi enterrada no ceminterio parroquial ao que pertence a aldea de Samos onde vivía.
A súa irmá Matilde faleceu en Ribas pequenas hai un ano.
a title="casa do cristán"""""Saber + da casa do Cristán.




A FEIRA DO 25 DE XULLO NA POBRA DO BROLLÓN

O Mercado Circular é unha iniciativa para apoiar o consumo local e sostible de produtos de veciños e veciñas.

O pasado día 25 de xullo, día da patria galega celebrouse o Mercado Circular organizado polo concello da Pobra do Brollón onde asistimos numerosos veciños, cada un de nós coas cousas que considerou poñer á venda.
Un escaparate para antigüedades e libros ou mesmo obras de arte, tamén para novas edicións  da neo editorial Peruchela Edicións e como non produtos das hortas, mel e xabóns artesanais.

Creemos que o mercado circular vai ter continuidade. É un xeito de socializar e acodar intereses comúns na defensa do dereito de poder vender o que produces sen ter que pagar por intentalo. ;=))))

AS DENUNCIAS DOS PINOS DOS PARTICULARES

Alá polo mes de febreiro  alguén fixo unhas denuncias de pinos prantados fai ata 30 anos e máis e tamén de menos de 20 en zonas que outrora eran agro. Co abandono das terras e o cambio no modelo os propietarios por conta e risco prantaron pinos para non ter a monte os sitios que outroura eran de labradío.

Coa nova lei de montes do ano 2012 unha serie de normas tiñan que estar cumplidas por parte dos propietarios das fincas tales como os cambios de cultivo e as distancias con outras fincas en caso de prantacións de árbores.

As denuncias chegaron  tamén a nosa parroquia. Denuncias que están chegando a todas as partes de Galiza e que están transformando a paisaxe e de novo o modelo produtivo.

Moitas inxustizas para aqueles que mantiñan os seus pinares limpos e atendidos;  prantacións ás que lle faltaban menos dunha década para ser verdadeiramente aproveitadas.

Quedará un monte abandoado onde non se poderán facer novas prantacións por mor da súa prohibición e dos animais como os xabaríns e corzos que non deixa sair adiante as árbores.

A falta de continuidade da gandería  e da agrocultura pronostican un futuro incerto para as nosas terras. O risco de lumes será  maior pola falta  de gandeiros e agricultores que sigan desenvolvendo as labores de cultivo e pastoreo.
O modelo neoliberal onde as grandes empresas monopolizaron todos os sectores sendo elas as que  deciden,  onde, cando e como producir  e tamén canto pagar polos produtos a aqueles que traballan para eles deixaron fóra á xente real que era a mantiña o equilibrio natural do agro.

A incertidume presente sobre o futuro  está lonxe de enxergar calquera esperanza.

Noticias a 25 de xullo

A semana pasada limparon as cunetas da estrada principal. Este ano fixérono dous meses antes do habitual na nosa parroquia o que é de agradecer xa que é un perigo a situación na que estaba nunhas datas de veraneo onde hai moita máis afluencia de vehículos.

Desbroce das cunetas

estrada desbrozada

O lume

Ainda non rematou o pesadelo que comezou o 14 de xullo.
Ligazón artigo     Ligazón 2

Titulares do Lume

  eco dos lumes
Lume na Pobra do Brollón

A TREBOADA DO 14 DE XULLO

Pola tardiña do día 14 unha treboada con tornado pasou tamén e de novo pola nosa parroquia.
Xa van dúas veces seguidas nas que coa auga ven un tornado que arranca ao seu paso árbores. O pasao mes de xuño o día 15 foron mazairas, concheiros e preixegueiros do centro da aldea as que se viron afectadas ademais de moitas árbores partidas no monte. E xusto 1 mes despois volve esnaquizando prantacións de piñeiros ao seu paso e outras poucas froiterias na aldea.
Estamos sendo testemuñas do cambio climático e as súas negativas consecuencias.
A prevención dos incendios ten que estar implantada sen demora e non teñen que ser soamente os propietarios os que paguen as limpezas senón as administracións que teñen que contratar o persoal necesario para manter limpas as vías agropecuarias que se atopan no entorno das aldeas.  
Si neste momento prende lume en sobre Santalla xa nos podemos dar por fodidos os de Piño porque a maleza que ven dende o camiño da Lagoa polas Horterizas é un polvorín polo estado de abandono que sufre a zona.
A falta de auga é patente e deíxase sentir nos pozos, nos regatos e nos ríos. A contaminación non deixa lograr as hortalizas que xa moi poucos cultivan. 
As praderias que antes o gado pacía xa non se pacen e as 3 explotacións que quedan na aldea non son sostibles nin para os seus donos nin para os animais. As políticas erradas  levan ao desastre do campo e da vida no rural.
Os grandes beneficiarios do lume son as grandes empresas madeireiras e as eólicas que se frotan as mans. As primeiras por ter materia prima de saldo e as segundas  por poder adquirir terra barata para poñer a funcionar os muiños xeradores de enerxía que os faran ser a eles máis ricos e a nós non favorecer en nada.
Dan ganas de renderse,  de resignarse  pero non podemos facelo. Somos fillos da terra e herdeiros dunha lingua que debemos defender coa propia vida.
  eco dos lumes
a voz  eco dos lumes
Graves Incendios

LUME

A calor excesiva e os lóstregos da treboada de antote catorce de xullo provocaron incendios de gran importancia na nosa comarca do sur lugués.
Ler máis

NOVAS A 15 DE XULLO

O Morales deixoulle as chaves ao Pepe de Xacobe quen as recolleu no día de onte.
D.E.P.
Despois de 15 anos como dependente deixaba este mundo. Foi cuidado polo seu irmán Salvador con todo esmero e cariño durante todos estes anos. Ao final produciuse o desenlace definitivo.
Dende estas liñas expresar o meu pésame a todos os que o quería e que lamentan a súa perda.

XUNTANZAS

O próximo 24 de xullo está convocada unha reunión no local social para tratar temas da CMVM. Será as 15hs. en primeira convocatoria e ás 16hs. en segunda. Pregan asistencia.

VOLVE OUTRORA , A FEIRA

FEIRA OUTRORA 2022

Despois de dous ano sen Outrora

A feira seguiuse a celebrar  durante todos os catorce de mes na localidade de Rubián, Bóveda pero a Outrora levaba dende 2019 sen repetirse.
Na ligazón da foto lateral podes acceder ao artigo do Xornal de Lemos onde poderedes saber algo máis do que vai acontecer. Dende aquí animo a que vaiades a comer o pulpo xa que as instalacións privilexiadas cas que conta Rubián fain que  saiba doutra maneira.

PROGRAMACIÓN FEIRA GUÍMARA

FEIRA GUIMARA

Chegou o Verao

Non nos podemos queixar porque o verán este ano si que chegou.
Levamos o que vai de mes cunhas calores case que insoportables con temperaturas de ata 43 graos que se deixan sentir no corpo e nas hortas.
Tiven moito traballo neste último mes e non atopei un momento ata hoxe 13 de xullo para escribir algo para vos, os que me ledes. Pido perdón por tervos medio abandonados pero que saibades que me apetecia moito facelo  pero que cando hai que priorizar o ocio ten que quedar para o final.
Temos varias novas na aldea. Unha delas é que colocarón un contenedor de reciclaxe de aceite usado. Non sabemos si vai ter moito éxito xa que si todos fan coma min xa non lles sobraría nin unha pinga e máis houbese.  Ao ter cadelos na aldea sempre se lle untan as patacas ou o pan con ese aceite de cociñar reusado pero si non tes cans  ao mellor eres dos que unha vez desaparecidas as grasas da matanza a única maneira de facelo xabón caseiro é reutilizando ese aceite vello. No obstante a instalación dun contenedor para  as persoas que queiran reciclalo sempre é unha boa nova.

SOBRE A FIBRA EN PIÑO

Meses atrás informei que puxeran a fibra óptica en Piño e a data de hoxe, mediados de xullo,  comunícanme varios veciños que é de cartón pedra ... e dicir.. que non furrula.
Vou indagar algo máis a ver que vos podo informar.

No hay comentarios