Comentarios

No comments

Nobody has submitted a comment yet.

Setembro 2023

O mes de setembro é o mes da colleita. As tarefas de recolección dos produtos do agro é unha das súas características. 

Fixéronse en Piño as vendimas, recolléronse as patacas e o millo. O viño ferve e os marmelos están a punto para a elaboración do doce.

Este ano 2023 foi un deses anos que  houbo moita froita,  case que de todo. Romperon co peso as preixegueiras e as maceiras, o cal fixo que os froitos foran pequenos. As noces apestáronse un ano máis e non hai apenas que recoller, e así levamos dende a última colleita lograda, alá polo 2015.  Aos figos choveulles xusto cando levaban 3 días madurando, é dicir, un ano máis derramáronse cando estaban a piques de completar o ciclo. Pasóulles como ás cereixas.  En canto á colleita de patacas houbo de todo aínda que os veciños coinciden en que a calor do mes de agosto fíxoas podrecer máis  do acostumado.  Pese a todo iso o traballo é recompensado  e cada un ten nas súas adegas o  resultado obtido para acometer un longo inverno.

Outra das características do mes de setembro son as numerosas festas que salpican a nosa contorna. Celebrouse un ano máis o San Xil en Bóveda, os Remedios en Ribas Pequenas, o Ecce Huomo en Rubián, o San Mateo na Parte e o San Miguel en Canedo habendo festas con orquestra en cada un dos lugares citados.

O inicio do curso escolar tamén corresponde ao mes de setembro. Este ano comezaron o día 11 as clases. Para min na libraría  foi un mes repleto de traballo.  A  renovación dos libros de texto dos  últimos cursos  fixo que moitos libros ainda estean en impresión e sen chegar ás aulas. 

Neste setembro de 2023 houbo un contaxio masivo de COVID, fomos moitas as persoas que pasamos varios días enfermas con síntomas como dores de ósos, febre, tos e dores en xeral.

Despedimos a varios veciños con carisma de parroquias cercáns. Dixémoslle adeus ao Ramiro de Pacios, ao Cheto de Eixón e remantado o mes  enterrouse na Ferreirúa, Luciano Maceda, os tres relacionados en moitos xeitos coa nosa parroquia de Piño, con amigos e familiares ou propiedades. D.E.P.


 

En canto ás novas do Concello destacar neste mes a comparecencia pública que fixo o noso alcalde Xosé Lois Maceda Vilariño nos medios para explicar as consecuencias dos incendios forestais de xusto fai un ano e medio onde arderon centos de hectáreas do Caurel e da Pobra do Brollón e que deixan unha consecuencias medioambientais moi severas porque afecta á calidade da auga que  se consume en varias parroquias do concello . Podes acceder á mensaxe íntegra aquí .

No hay comentarios