Comentarios

No comments

Nobody has submitted a comment yet.

Febreiro 2023

Contido anterior

Recorda que mentres non remato de pasar o contido anterior a 2023 podes acceder a el visitando  casas.webpino.com.
O dominio piño.com vai quedar neste mes de febreiro desactivado e  libre.

Desenmascarando o Entroido.

A  última das charlas do ciclo DESENMASCARANDO O ENTROIDO  organizado polo concello da Pobra do Brollón correu a cardo de Felipe Castro, axente Facultativo Medio-ambiental da Consellería do Medio Rural  e autor da paxina  https://www.fotopatrimonio.com/.  Felipe está vencellado coa parroquia de Salcedo de onde seu pai era oriúndo e onde pasou a súa infancia dende os nove anos.
Felipe foi uns dos precursores da recuperación e difusión do entroido de Salcedo sendo o causante de que a máscara estea exposta  no   "Musée international du Carnaval et du Masque" de Bélxica e que teña consideración de Patrimonio Inmaterial da  humanidade.
Á  charla que tivo lugar  o venres 18   acudiron numerosos veciños  entre os que se atopaba  o noso alcalde así como outras persoas dos concellos dos redores.
Felipe Castro  deu un repaso  a natureza, espiritualidade,  orixe, razón de ser, evolución, decadencia, subsistencia  e conversión da figura do OSO de SALCEDO.
Ata o finais do  século XIX conviven no territorio das montañas da Pobra do Brollón e do Courel os Osos que grazas  ao aproveitamento dos soutos, a apicultura tradicional e  minaría do ferro teñen no lugar un edén. Castañas e mel para alimentarse e minas para agocharse. 
Tres actividades tradicionais e unha Mascarada Ritual que pervive na actualidade con cambios significativos.
Nun principio a figura do Oso de Salcedo saía no antroido en calquera dos días e ía por todos os barretes do pobo e algunhas aldeas dos redores. Non tiña acompañantes e era unha figura que causaba respecto e un certo medo.
Na actualidade o OSO  sigue sendo o oficiante do rito que conta con axudantes para atrapar ás presas coas que unta de feluxe máxico.  A saída do Oficiante limítase ao luns de Entroido ás cinco da tarde e soamente no centro da vila e rúas próximas .
A preocupación pola desvirtuación do rito  do Entroido en xeral quedou patente no acto.

Na primeira charla deste  ciclo  explicou o antropólogo Rafael Quintía a lei do Entroido. 
Destacou que este festexo  era un asunto moi serio onde se establecía unha nova orde coa finalidade rexenerativa do social, cultural e do humano. Unha festa ritual de carácter relixioso onde os seres oficiantes non van disfrazados senón vestidos con elementos especias que lle permiten unha transformación  que lle outorga os atributos necesarios para oficiar o rito. Estes oficiantes son seres que camiñan de xeito estraño, seres que botan, trotan, danzan, avanzan e non falan. Seres que circulan entre o mundo deshabitado e o habitado, entre o salvaxe e o social traspasando os limites morais, territoriais, de xénero... Visitan casas, asustan aos nenos, acosan ás mulleres, pegan e manchan e fan bromas.
Os ritos do entroido son variados, esconxuradores, propiciatorios, de fertilidade, de paso, de rivalidade e confrontación, satíricos, teatrais e de comensalidde.
Os son de bombos e tambores, de chocas e esquilas, de choallos e campás, de cornos e bucinas e o bater do ferro dos apeiros de labranza  teñen o poder anunciador e esconxurador.
Quintía explica como os  enfrontamentos ritualizados entre sexos que se dan nos xoves de compadres e comadres son mecanismos tradicionais de xestión e canalización da tensión intersexual das relación de poder entre os sexos.
As parodias son ritos satíricos de teatro popular onde queda amosada a creatividade do pobo á hora de facer crítica social.
Moi  importante no Entroido e o rito de Comensalidade no que os banquetes comunais e familiares teñen o poder de reforzar os lazos. A comida do Entroido galego, o lacón con grelos, a androlla, a cachucha, as orellas segue a día de hoxe sendo unha das partes imprescindibles no Antroido galego.
Concluía Rafael Quintia que :
O Entroido é a última das mascaradas da invernía xa que a primeira presenza de máscaras comeza en Defuntos, continúa no Nadal e intensifícase  en xaneiro e febreiro.
Mantén a pugna ideolóxica entre mitos, crenzas, símbolos e ritos de orixe pagá e normas de dogma cristiá. A igrexa dende a súa orixe tentou prohibir e limitar estas celebracións e acomodounas no calendario relixioso para acelerar o seu esquecemento.
O mais importante do Entroido non é como visten as máscaras ou oficiantes senón o que fan. O rito é o significativo.
Baixo o Entroido agóchase unha antiga estrutura mítica hoxe moi esvaecía que fai referencia en toda Europa a antigas deidades e seres míticos.
Felipe Castro na Charla
Felipe Castro nun momento do evento.
Rafael Quintiá Pereira e José Luis Maceda Vilariño

Charla na Pobra polo San Brais.

A primeira das charlas que organiza o concello da Pobra do Brollón co motivo do antrodio correu a cargo do antropólogo Rafael Quintía, especialista en patrimonio inmaterial e proxectos de posta en valor do patrimonio, investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia.  
Unha vintena de persoas puidemos escoitar a charla en directo e coñercer moito  máis dos orixes desta festa tradicional que se celebra anualmente dende fai miles de anos.
Na imaxe podes ver ao noso alcalde, Xosé Lois Maceda e a o Rafael Quintía que ademais é membro fundador e Presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

Compadres e Comadres en Piño na Pobra do Brollón

A Representación

Neste 2023 rememoramos en Piño unha tradición practicamente extinta na nosa parroquia pois fai alo menos coarenta anos que non se festexa coas características que daquelas se facía. Para facer os compadres fixemos uso do local social da parroquia. Unhas poucas mulleres intercambiamos impresións e compartimos charla mentres os confeccionabamos.
As mulleres mais maiores botaban en falta a palla  coa que  elas os facían cando eran pequenas. Cando o pan era segado a man  a palla era longa e prestábase moi ben para armar  os bonecos. Fixémolos como puidemos con xornais e roupa vella.
A idea de facer como Compadres a Putín e Zelensky xurdiu en resposta a unha necesidade do pobo de denunciar a situación que se ven dando dende que xa fai un ano Rusia comezara a invasión do territorio ucraniano que xa viña estando en guerra dende 2014.  As negativas de Ucrania de renunciar a instalación de bases americanas da OTAN no seu territorio  deulle ao mandatario ruso a excusa perfecta para intentar rematar o enquistamento da guerra que xa viña sufrindo o territorio na parte pro-rusa. O envalentamento do seu actual presidente Zelensky apoiado polo resto de Europa e membros da OTAN prolongan o sufrimento e a agonía dos máis débiles.

Os bonecos representaban un soñado pacto de paz do pobo  entre os dous mandatarios mentres a súa vez cada un deles ten na cachola un seguinte paso bélico. Logo dos tanques,  Zelensky pide Avións Caza e o Ruso ameaza coas armas nucleares das que dispón.

Á noitiña as mulleres que participamos  paseámolos  cada un espetado no seu garabullo mentres berramos como outrora: MORRAN OS COMPADRES!!!. Por último prendémoslle lume  mentres eu corrin cun deles como antes, e logo deixámolos extinguir nun montón para que o lume purificador remate con este conflicto e as súas consecuencias canto antes.

As mulleres escollidas para as comadres foron as tan de moda SHAKIRA  e VICTORIA FEDERICA.

Dúas mulleres que facturan sen dúbida ningunha. Unha por méritos propios e outra por pertencer a unha familia emparentada coa realeza.  Juan Carlos I que aparece nos recortes da prensa que acompañaron as bonecas destacando o parecido entre a súa neta Federica e máis el. Novas de prensa das operacións de cirurxía deixan patente de novo que: NON HAI MULLERES FEAS SENÓN MULLERES SEN CARTOS!!! 

Shakira sufriu en carne propia o refrán: "O que con neno se deita cagado se levanta", pero soubo aproveitar a merda como unha loba e gañar cartos a conta delo.

Rematou o acto coa queima das bonecas por parte dun home que nos contaba que  facía cincuenta anos alo menos que non queimaba unha,  e que aínda que non tiña idade, por uns intres, sentiuse como daquela.

OBRAS EN PIÑO

Seguen as obras de enterramento das liñas de alta tensión na Avda. de Bóveda. No dez de febreriro ao abrir a cuneta fixeron unha avaría no suministro xeral da auga que logo solventaron.
O Pasado xoves 17 a empresa encargada das obras foi invitada a retirar a terra que botara no Fontao. Un mal entendido que pasou ser de tapar uns tubos a encher  a zona de savedro levou a un veciño a denunciar o acontecido.
Nas imaxes podedes ver como a data venres 17 a empresa xa estaba retirando a terra do sitio. 
cartel convocatoria
Centos de persoas manifestáronse o luns 6 de febreiro baixo o lema "A Sanidade non se vende, a Sanidade Deféndese" na praza España de Monforte.
As imaxes que ves son da concentración. Fotos cedidas.
charlas

A Tradición dos Compadres e das Comadres

Os compadres e as comadres serán  os xoves 9 e 16 de febreiro. Dentro da programación de Entroido do Concello da Pobra do Brollón este ano hai un novo concurso. 
Os de Piño este ano imos participar e para elo xuntámonos o domingo día  05 de febreiro no local social para a súa confección.
Manter vivas as tradicións  mantén vivo ao pobo.

Charlas sobre o Entroido na Casa da Cultura da Pobra do Brollón

O vindeiro venres, o antropólogo Rafael Quintía Pereira abre o ciclo Desenmascarando o Entroido coa súa charla "O Entroido en Galicia: Ritos, oficiantes e significados". Será o 3 de febreiro ás 20:15 na Casa da Cultura do Concello da Pobra do Brollón ás 20:15hs.
As seguintes charlas serán a cargo do artesán X.M. Seixas, cunha exposición e conversa sobre máscaras (venres 10), e Felipe Castro, que falará sobre o Entroido en Salcedo (venres 17)

No hay comentarios