O luns 18 imos de novo ás rúas galegas para amosar a nosa solidaridade co pobo palestino que está sendo victima dun xenocidio frente a inacción dos gobernos occidentais, que se din defensores dos dereitos humanos pero que non fan nada por deter esta masacre. #GalizaConPalestina
Comeza novembro en Piño e son moitas as novas que asubía o vento dos redores.
O 16 de novembro despedimos a dous veciños moi queridos, Avelina e Salvador, que nos deixaron no mesmo día, como se mesmo na partida quixesen ir da man. Foron testemuñas dun século enteiro de transformacións e cambios que viviron con dignidade, adaptándose a cada paso sen perder nunca a súa propia esencia.
Nados nos anos 20, pertencen a esa xeración de forza e resiliencia que viu partir aos seus, forzados pola emigración das aldeas galegas, e que traballou duro no rural, en tempos de mans labregas e noites escuras, sen electricidade nin estradas,
Sobreviviron á Guerra Civil, á ditadura e ás consecuencias da Segunda Guerra Mundial; viron tamén o mundo facerse máis pequeno coa chegada das novas tecnoloxías. Avelina, con 97 anos, nunca deixou de seguirnos polas redes sociais, compartindo e apoiando ata o final; e Salvador, con 96, sempre foi o veciño amable e próximo, esa presenza que che recordaba que o barrio ten alma.
Foron moito máis ca simples veciños: foron a memoria viva, o recordo do que fomos e o espello do que somos. Coas súas vidas inspiraron os que quedamos, ensinándonos que hai un valor profundo en vivir en harmonía cos tempos, tanto nos días de duro traballo na terra como nas novas xanelas dixitais que uniron distancias. Que a súa lembranza nos acompañe sempre, cos pasos firmes que deron nesta terra e no noso corazón.
O Cemiterio Parroquial un ano máis engalanado coas ofrendas florais aos nosos veciños, amigos e familiares.
NOTA INFORMATIVA
Nesta Web falo publicamente de cousas que se falan publicamente polo que acóllome ao dereito de podelo facer ainda máis tendo en conta que eu mesma son quen dende hai case 20 anos corro cos custes do dominio e aloxamento do contido.
Nos vindeiros días tanto a CMVMC como a asociación SANTA BÁRBARA de Piño van acometer dúas reunións, unha de comuneiros e outra de socios.
En cada reunión abordaranse os puntos incluídos na orde do día, que afectan directamente a todas aquelas persoas vencelladas, dun ou doutro xeito, a cada unha das entidades.
En canto á reunión da Asociación Veciñal Santa Bárbara, non farei comentarios, xa que, sendo unha asociación privada, corresponde exclusivamente aos seus socios asistir, solicitar melloras, promover investimentos e pedir explicacións cando o consideren necesario. Son socia fundadora xunto con outras 3 persoas pero na actualidade e dende hai máis de 10 anos non pago a cota para ter dereito a votar calquera tipo de decisión.
Por outra banda sobre a CMVMC
O Xurado Provincial de Montes ten constancia de que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) non está en regra, xa que non realizou a renovación dos órganos da súa xunta reitora no prazo establecido, que correspondía ao ano 2021. Este incumprimento non é un caso illado, xa que moitas outras comunidades de montes na provincia de Lugo atópanse en situación similar, evidenciando unha problemática xeralizada que precisa de medidas efectivas para garantir a xestión adecuada dos montes veciñais.
As sancións por non comunicar anualmente os ingresos e os investimentos no monte non se están impoñendo na actualidade.
A iniciativa dun grupo de veciños para convocar unha reunión e reorganizar a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVM), presentando propostas de xestión e desenvolvemento, é sen dúbida encomiable. Non obstante, o ton ameazante da convocatoria e a orde dos puntos a tratar poden enturbar o obxectivo principal, que debería ser a revitalización das nosas terras comúns de forma aberta e colaborativa.
Sería axeitado que, nun primeiro punto, o anterior presidente da Xunta Reitora expuxese con transparencia o estado das contas: detallar os ingresos recibidos, os gastos acometidos durante o seu mandato e a situación actual dos fondos da comunidade. Este acto inicial de claridade financeira contribuiría a xerar confianza e facilitaría unha transición ordenada.
A continuación, sería axeitado que os convocantes compartisen o seu plan de explotación e desenvolvemento do monte, explicando como queren mellorar a xestión e solicitando o respaldo dos comuneiros presentes. Como terceiro punto, podería procederse á actualización do listado de comuneiros, dar de baixa aos falecidos e engadindo a retornados e novos veciños. Segundo o artigo 61 da Lei de Dereito Civil de Galicia, todos os titulares de unidades económicas con residencia habitual de polo menos 10 meses ao ano no lugar xa son comuneiros de pleno dereito.
O punto catro da convocatoria, relativo á presentación dunha nova Xunta Reitora, e o punto cinco, que propón a súa votación, deberían ser pasos naturais no proceso de reorganización da comunidade. Porén, a ameaza de liquidación e entrega do monte á Xunta de Galicia, mencionada ao final, resulta totalmente innecesaria e contraproducente. Esta advertencia non só xera tensións entre os veciños, senón que ignora a situación real da comunidade, que xa está inactiva dende 2021, e a falta de xestión cautelar efectiva por parte da Xunta.
Se este proceso se enfocase en revitalizar a comunidade de forma colaborativa, en lugar de engadir presións innecesarias, os comuneiros que actualmente traballan parcelas do monte non terían que enfrontarse á incerteza de verse obrigados a abandonar as parcelas que traballan na actualidade.
É esencial que esta reunión sexa un espazo para propoñer e debater ideas constructivas de xestión, sen ameazas de intervención externa, priorizando o mantemento e aproveitamento do monte como un ben común que beneficia a todos.
Cabe destacar que, aínda que fun a promotora do rexistro oficial desta comunidade no ano 2007, actualmente non son comuneira: pola Casa Peruchela, é a miña nai quen posúe esa condición, e pola Casa da Nesa, é o meu home, José Manuel.
O noso veciño, Carlos Pérez da "casa do Xusto" é dende o ano 2021 o presidente da asociación micoloxica os Lactouros.
A organización das xornadas de divulgación micoloxica do 21 ao 23 de novembro contaran cun xantar Lactouro no restaurante monfortino Abadía de San Simón como podes ver na imaxe do cartel do evento así como tamén a charla de iniciación que impartirá él mesmo o día 21 no centro do viño.
"Como cada ano, comprácenos anunciar as xornadas micolóxicas da nosa lonxeva Asociación Lactouros.
Gozaremos da clásica e sempre importante charla de "Iniciación á Micoloxía", impartida polo noso presidente Carlos Pérez. Ademais, teremos a honra de contar con Luís Cuba, recoñecido micólogo e youtuber, quen nos ofrecerá unha maxistral charla titulada "Do bosque á mesa: cogomelos galegos e receitas tradicionais".
Por suposto, non faltará a nosa saída de identificación de cogomelos, seguida da tradicional comida, sempre deliciosa, no restaurante Abadía San Simón, cun menú baseado en cogomelos.
📅 Para inscribirse á comida, por favor apúntarse antes do 20 de novembro enviando un WhatsApp ao 671 473 982.
Non o perdas, esperámoste para compartir unha fin de semana chea de coñecemento e sabor!"
Na imaxe superior podes ver a restauración que fixeron da pérgola da parada do Autocar en Piño.