En Centéais vivían alá polo século XIX os Lobos, unha familia que conseguiu facerse cun gran tesouro.
Non se sabe moi ben as orixes dese tesouro, uns din que foi diñeiro que recibiron por ocultar armas na súa casa durante a guerra civil española, outros que foi grazas ao estraperlo, e os máis románticos aseguran que o atoparon nunha das numerosas minas construídas para a auga que tiña no seu interior pebidas de ouro ou quizais un antigo tesouro celta.
Sexa como for, logo da Guerra Civil, os descendentes desta casa, repartíronse o ouro e cada un uso o seu parte como quixo.
A casa desapareceu.
Os zocos de Freixo
A principios do século XX os veciños de Piño facíanse eles mesmo o calzado que usaban e o máis común eran os zocos e as zocas.
Puxéronse de acordo varios homes para ir buscar unha madeira especial para fabricalos á parte de abaixo da aldea, á chamada Freixeira, pola cantidade destas árbores que contiña e decidiron cortar un dunha veciña súa con fama de bruxa, chamada Xoana de Ferreirolo, unha celibata que vivía co seu irmán nunha modesta casa do Requeixo.
Cando os homes levaban un bo intre na laboura e a noite lles caera enriba, unha luz empezou a roldarlles de tal maneira que se ía cara a eles unha e outra vez.
Un dos veciños máis valentes da aldea, o Sr. Pepe de Loureano, que levaba unha escopeta e que por bruto era dos que máis, porque era o que extraía as moas aos demais veciños con alicates, non o dubidou un momento e alzando a súa escopeta de cartuchos á luz, deu branco e esta inmediatamente desapareceu.
Conta a lenda, que a luz que se lles apareceu non era outra cousa máis que Xoana a bruxa, que sabéndose roubada presentouse entre eles convertida nunha luz e logo daqueles disparos tardou meses e meses en saír da súa casa. Cando o fixo foi coxa dunha perna supostamente onde lle deron os disparos do Pepe o de Loureano.
A Sangradora de Loucos
Os Menciñeiros e Curandeiras
No século XX, a primeiros os curandeiros e curandeiras ainda abundaban nestas terras. Unha das máis recoñecidas incluso a nivel de todo Galicia foi a coñecida como BRUXA DE TORBEO. Cando ía un veciño de Eixón, Pacios, Veiga, Santalla, Bóveda ou Ribas á consulta dela , remitiaos sempre a horta de Prantas Menciñais máis cercana que tiñan, que neste caso era a Horta da Sra. Estrela da Vila, no fondo do Lugar, en Piño.
A señora Estrella aprendera do cultivo e uso das mesmas en Castela cando de moza alí estivera traballando. Sábese que antigamente para tratalos problemas mentais había persoas especializadas en sangrados de venas da cabeza que curaban ou aliviavan a loucura.
No noso pobo había unha señora que se dedicaba a tal menester, e ata ía a Castela a casas pudientes a sangralos.
Contan que dunha das ocasións un paciente non mellorou sinón que ata empeorou co que a familia pediulle responsabilidades e quixo metela presa. Grazas a intercesión dos MASEDA de Ribas, librou pero nunca máis volveu praticar aquel arte.
Contan os veciños da aldea que durante moitos anos habitou entre eles unha serpe de gran tamaño á que viran en numerosas ocasións e que os tiña atemorizados. Nunha desas ocasións un veciño abateuna a tiros de escopeta, partíndolle a cola. Outra veciña conta do seu tamaño cando a viu na estrada indo coas súas vacas, facendoas retroceder, a ela e ao gando. Outro veciño de Santalla que ía co coche tamén a viu.
Un día estaban uns homes reunidos no campo da Vila escoitarona silbar -PSI PSI. Ao cabo dun intre de novo: -PSI PSI, PSI PSI . Cando un deles alzou a cabeza puido ver ao enorme exemplar sen cola riba das súas cabezas.
Piño é terra de serpes. Aínda que debido á contaminación e aos velenos son máis escasas, noutros tempos eran moi abundantes. O gran tamaño desta que narramos converteuna en lendaria pero hai centos senón miles de historias de serpes cos veciños de Piño. Non fai moito unha enfrontouse ao meu cando ía poñer a lavadora. Saín correndo. Máis valente foi Anita, a muller de Castor, do Café. Con noventa anos matou a escobazos a unha que lle entrara na cociña
Estaba na casa de Amante. Estrella a súa dona por aquel entón estivera de criada en casas de ricos por castela e aprendera moitas cousas entre elas o uso das prantas para sanar.
Amiga de Xoana, coñecida como Bruxa de Torbeo, recibia a todos os pacientes dela que viñan á horta buscar a herba que lle receitara.
A Lola da casa de Sabelucho era amiga miña.
Ensinome moitas cousas, as que puido e eu quixen aprender. De ela me veu a miña aficcion polas herbas. Ela coñecía moitas e sempre estaba facendo infusións con elas para todas e cada unha das doenzas que tiña.
As nove flores de romeo, nove dias en infusión unha das súas receitas contra o meigallo.
O recordo do traballadora que era quedou en min. Vela vir camiñando coa gadaña de cavar a viña que tiña a 3 KM da casa as tres da tarde xa é unha imaxe épica que sempre me quedará na memoria.
Xa dende que morreu me enterei que lle pasara. Preguntaballe moitas veces porque non se casara, si non tivera noivo. Ela diciame que moitos.
Contábame unha vez que vindo dunha festa en Ribas Pequenas un rapaz lle chamou a atención:
- Srta .. Srta.. que se le cae el pañuelo.
Ao que ela lle respostou.
- Alante voy, atrás no vuelvo, recogelo tú que es la punta de un cuerno.
Cando era pequena encantábame coller auga co balde do seu pozo e bebela. Ainda recordo o fresquiña que era e o ben que sabía. O cacho de pan que atopei un dia envolto no comedor da súa casa chamoume moito a atención e pregunteille porque gardaba aquel penedo duro no que se convertera. Foi entón cando me contou que pertencía a un irmán seu que xusto cando morreo estaba comento cando lle caeo un raio enriba e que sempre o gardara en lembraza del e como amuleto .
Logo de morrer ala polo 2006, entereime que fora a noiva do Luis da casa do Vila moitos anos. Ela carretaballe boa comida á casa e bon viño, queríao a morrer e il prometéralle matrimonio. Luis faltou á palabra e casou con outra. Lola non conseguiu superalo xamais .
Carme nace a mediados do século XIX; logo de ser caseiros, ela e máis o seu home na casa dos García, independízanse e vanse a vivir a súa propia casa, no Outeiro, onde é mai de seis fillos. Fixo de parteira dos natos da súa época, seguramente tamén meu avó e miña avoa viñeron da súa man a este mundo.
Pero o verdadeiro traballo da sra. Carmen de Outeiro foi outro. Durante máis de 30 anos, arranxa papeis a todos aqueles que queren ou deben partir cara o novo mundo, neste caso concreto Arxentina. Daquela non se podía viaxar dun país a outro con facilidade xa que ao custo da viaxe había que acompañarlle un contrato de emprego. Carme conseguíalles, aos que se querían ir, o contrato e levavaos ela mesma ata alí, onde se establecían.
Para emigrar moitos eran os que empeñaban casa e terras e na maioria dos casos pagaban a deuda cos cartos gañados alén dos mares, noutros casos, polo que fose, non había para pagar e terras e casas eran embargadas.
Maioritariamente a Arxentina ían os galegos a coidar gando ou a traballar nas grandísimas explotacións agrícolas daquelas terras. Asi que non foron abrir restaurantes, nin pensións todos os galegos, como moitos pensábamos.
Pra rematar esta pequena historia contar que cinco dós seis fillos de Carmen quedaron para sempre na Arxentina. O seu home morreu cuns 60 anos de cangro de próstata, e ela logo do incidente do lume e xa con máis de oitenta anos marchou pra Áspera a casa da filla que quedara eiquí, casada alí, onde finou e foi enterrada alá polos anos 30.
Rememorando aos nosos antepasados
Cabe imaxinar que os orixinais poboadores destas terras, os Oestrymnios, mesturáronse coas invasoras tribos Celtas dando lugar a unha poboación puramente castrense.
Durante máis de 2000 anos viviron nos nosos castros, mantendo boas relacións cos veciños dos castros lindeiros. No caso do de Piño foron os asentamentos de Fornelas, Castrosante, Cereixa, Canedo e Freituxe e Ver, cos que colaboraron á hora da defensa das súas posesións e da súa cultura nas épocas de guerra e en épocas de traballo polos seus lindes. Aquel primeiro pobo asentado no Castro de Piño puido manter as súas tradicións e costumes durante moitos séculos ata que a cultura cristiá fixo a súa aparición e a evolución da historia cambiou aos seus habitantes e a súa maneira de vivir.
Os romanos facían referencia nos seus escritos a unha importante poboación no alto dun "Outeiro", chamado o Monte Pino, que era o poboado celtíbero máis importante destas terras GALAICAS. Hai historiadores que identifican esta poboación en San Vicente do Pino en Monforte, pero sendo un pouco pretenciosa, podemos maxinar que tal vez fose o noso Castro.
No 1222 confórmase a nosa actual parroquia e toma o nome de Santa María de Pino, probablemente engadíndolle a santa ao nome de tradición co que contaba o lugar.
A principios dos anos 70 saiu unha normativa para a vacinación dos cans polo tema dos recentes brotes de rabia que se deran no país.
Á data sinalada todolos veciños acudiron co can collido do ramal ao Café, lugar de reunións para as ocasións. Ali había como mínimo entre 60 e 70 cans, máis das persoas que agora moramos neste mesmo lugar. O veterinario por turno íalles collendo o nome ao propietario, o nome do can a idade que máis ou menos podia ter e esí ata que lle chegou o turno ao Luis do Vila.
Veterinario: - Cúal es su nombre?
- Luis Álvarez
Veterinario:- El nombre del Perro?
- Nosé
Veterinario:-Pero hombre póngale un nombre
-Pero es qués, Nosé.
O veterinario estaba entendendo que non sabía como se chamaba o can e o Luis estaba intentando decirlle que se chamaba Nosé.
Ante as risas dos presentes o veterinario un pouco enoxado replicoulle :
Veterinario:-Oiga no se cachondee de mí y póngale un nombre al perro.
Ao final o acastellenizado veterinario entendeu que o can chamábaselle Nosé, e él mesmo logo do malentendido non aguantaba coa risa.