Comentarios

No comments

Nobody has submitted a comment yet.

O tesouro dos Lobos

En Centéais vivían alá polo século XIX os Lobos, unha familia que conseguiu facerse cun gran tesouro.
Non se sabe moi ben as orixes dese tesouro, uns din que foi diñeiro que recibiron por ocultar armas na súa casa durante a guerra civil española, outros que foi grazas ao estraperlo, e os máis románticos aseguran que o atoparon nunha das numerosas minas construídas para a auga que tiña no seu interior pebidas de ouro ou quizais  un antigo tesouro celta.
Sexa como for, logo da Guerra Civil, os descendentes desta casa, repartíronse o ouro e cada un uso o seu parte como quixo.

A casa desapareceu.

Os Zocos de Freixo

Os zocos de Freixo


A principios do século XX os veciños de Piño facíanse eles mesmo o calzado que usaban  e o máis común eran os zocos e as zocas.
Puxéronse de acordo varios homes  para ir buscar unha madeira especial para fabricalos á parte de abaixo da aldea, á chamada Freixeira, pola cantidade destas árbores que contiña e decidiron cortar un dunha veciña súa con fama de bruxa, chamada Xoana de Ferreirolo, unha celibata que vivía co seu irmán nunha modesta casa do Requeixo.
Cando os homes levaban un bo intre na laboura e a noite lles caera enriba, unha luz empezou a roldarlles de tal maneira que se ía cara a eles unha e outra vez.

Un dos veciños máis valentes da aldea, o Sr. Pepe de Loureano, que levaba unha escopeta e que por bruto era dos que máis, porque era o que extraía as moas aos demais veciños con alicates, non o dubidou un momento e alzando a súa escopeta de cartuchos á luz, deu branco e esta inmediatamente desapareceu.

Conta a lenda, que a luz que se lles apareceu non era outra cousa máis que Xoana  a bruxa, que sabéndose roubada presentouse entre eles convertida nunha luz e logo daqueles disparos tardou meses e meses en saír da súa casa. Cando o fixo foi coxa dunha perna supostamente  onde lle deron os disparos do Pepe o de Loureano.

A Sangradora dos Loucos

A Sangradora de Loucos
Os Menciñeiros e Curandeiras

No século XX, a primeiros os curandeiros e curandeiras ainda abundaban nestas terras.  Unha das máis recoñecidas incluso a nivel de todo Galicia foi a coñecida como BRUXA DE TORBEO.  Cando ía un veciño de Eixón,  Pacios, Veiga, Santalla,  Bóveda ou Ribas á consulta dela , remitiaos sempre a horta de Prantas Menciñais máis cercana que tiñan,  que neste caso era a Horta da Sra. Estrela da Vila, no fondo do Lugar, en Piño.
A señora Estrella aprendera do cultivo e uso das mesmas en Castela cando de moza  alí estivera traballando. Sábese que antigamente para tratalos problemas mentais había persoas especializadas en sangrados de venas da cabeza que curaban ou aliviavan a loucura. 
No noso pobo había unha señora que se dedicaba a tal menester, e ata ía a Castela a casas pudientes a sangralos.
Contan que dunha das ocasións un paciente non mellorou sinón que ata empeorou co que a familia pediulle responsabilidades e quixo metela presa. Grazas a intercesión dos MASEDA de Ribas, librou pero nunca máis volveu praticar aquel arte.

As serpes en Piño

Contan os veciños da aldea que durante moitos anos habitou entre eles unha serpe de gran tamaño  á que  viran en numerosas ocasións e que os tiña atemorizados. Nunha desas ocasións un veciño  abateuna a tiros de escopeta, partíndolle a cola. Outra veciña  conta do seu tamaño cando a viu na estrada indo coas súas vacas, facendoas retroceder, a ela e ao gando. Outro  veciño de Santalla que ía co coche tamén a viu. 

Un día estaban uns homes reunidos no campo da Vila  escoitarona silbar -PSI PSI. Ao cabo dun intre de novo: -PSI PSI, PSI PSI . Cando un deles alzou a cabeza puido ver ao enorme exemplar sen cola riba das súas cabezas.

Piño é terra de serpes. Aínda que debido á contaminación e aos velenos son máis escasas, noutros tempos eran moi abundantes. O gran tamaño desta que narramos converteuna en lendaria pero hai centos senón miles de historias de serpes  cos veciños de Piño. Non fai moito unha enfrontouse ao meu cando ía poñer a lavadora. Saín correndo. Máis valente foi Anita, a muller de Castor, do Café. Con noventa anos matou a escobazos a unha que lle entrara na cociña

A horta menciñal da Bruxa de Torbeo

Estaba na casa de Amante. Estrella a súa dona por aquel entón estivera de  criada en casas de ricos  por castela e aprendera moitas cousas entre elas o uso das prantas para sanar.

Amiga de Xoana, coñecida como Bruxa de Torbeo, recibia a todos os pacientes dela que viñan á horta buscar a herba que lle receitara.

O cacho de Pan de Sabelucho

A Lola da casa de Sabelucho era amiga miña. 
Ensinome moitas cousas, as que puido e eu quixen aprender. De ela me veu a miña aficcion polas herbas. Ela coñecía moitas e sempre estaba facendo infusións con elas para todas e cada unha das doenzas que tiña.
As nove flores de romeo, nove dias en infusión unha das súas receitas contra o meigallo.
O recordo do traballadora que era quedou en min. Vela vir camiñando coa gadaña de cavar a viña que tiña a 3 KM da casa as tres da tarde xa é unha imaxe épica que sempre me quedará na memoria.
Xa dende que morreu me enterei que lle pasara. Preguntaballe moitas veces porque non se casara, si non tivera noivo. Ela diciame que moitos.
Contábame unha vez que vindo dunha festa en Ribas Pequenas un rapaz lle chamou a atención:
- Srta .. Srta..  que se le cae el pañuelo.
Ao que ela lle respostou.
- Alante voy, atrás no vuelvo, recogelo tú que es la punta de un cuerno.
Cando era pequena encantábame coller auga co balde do seu pozo e bebela. Ainda recordo o fresquiña que era e o ben que sabía. O cacho de pan que atopei un dia envolto no comedor da súa casa chamoume moito a atención e pregunteille porque gardaba aquel penedo duro no que se convertera. Foi entón cando me contou que  pertencía a un irmán seu que xusto cando morreo estaba comento cando lle caeo un raio enriba e que sempre o gardara en lembraza del e como amuleto . 
Logo de morrer ala polo 2006, entereime que fora a noiva do Luis da casa do Vila moitos anos. Ela carretaballe boa comida á casa e bon viño, queríao a morrer e il prometéralle matrimonio. Luis faltou á palabra e casou con outra. Lola non conseguiu superalo xamais .

Carme de Outeiro

Carme  nace  a mediados do século XIX;  logo de ser caseiros,  ela e máis o seu home na casa dos García, independízanse e vanse a  vivir a súa propia casa, no Outeiro, onde é mai de seis  fillos. Fixo de parteira dos natos da súa época, seguramente tamén meu avó e miña avoa viñeron da súa man a este mundo.
Pero o verdadeiro traballo da sra. Carmen de Outeiro foi outro.  Durante máis de 30 anos,  arranxa papeis a todos aqueles que queren ou deben partir cara o novo  mundo, neste caso concreto Arxentina. Daquela non se podía viaxar dun país a outro con facilidade xa que ao custo da viaxe había que acompañarlle un contrato de emprego. Carme conseguíalles, aos que se querían ir, o contrato e levavaos ela mesma ata alí, onde se establecían.
Para emigrar moitos eran os que empeñaban casa e terras e na maioria dos casos pagaban  a deuda cos cartos gañados alén dos mares,  noutros casos,  polo que fose,  non  había para pagar e terras e casas eran embargadas.
Maioritariamente a Arxentina ían os galegos a coidar gando ou a traballar  nas grandísimas explotacións agrícolas daquelas terras.  Asi que non foron abrir restaurantes, nin pensións todos os galegos, como moitos pensábamos.
Pra rematar esta pequena historia contar que cinco dós seis fillos de Carmen quedaron para sempre na Arxentina. O seu home morreu cuns 60 anos de cangro de próstata, e ela  logo do incidente do lume e xa con máis de oitenta anos marchou pra Áspera a casa da  filla que quedara eiquí,  casada alí, onde finou e foi enterrada alá polos anos 30.

O Castro de Piño

Rememorando aos nosos antepasados


Cabe imaxinar que os orixinais poboadores destas terras,  os  Oestrymnios,   mesturáronse   coas invasoras tribos Celtas dando lugar a unha poboación puramente castrense.

Durante máis de 2000 anos viviron nos nosos castros, mantendo boas relacións cos veciños dos castros lindeiros. No caso do de Piño foron os asentamentos  de Fornelas,  Castrosante, Cereixa,  Canedo  e Freituxe e Ver,   cos que colaboraron á  hora da defensa das súas posesións e da súa cultura nas épocas de guerra e en épocas de traballo polos seus lindes.  Aquel primeiro pobo  asentado no Castro de Piño puido manter as súas tradicións e costumes durante  moitos séculos ata que a cultura cristiá fixo a súa aparición  e a evolución da historia  cambiou aos seus habitantes e a súa maneira de vivir. 
Os romanos facían referencia nos seus escritos  a unha importante poboación no alto dun "Outeiro", chamado o Monte Pino, que era o poboado celtíbero máis importante destas terras GALAICAS. Hai historiadores que identifican esta poboación en San Vicente do Pino en Monforte, pero sendo un pouco pretenciosa, podemos maxinar que tal vez fose o noso Castro.
No 1222  confórmase a nosa actual parroquia e toma o nome de Santa María de Pino, probablemente engadíndolle a santa ao nome de tradición co que contaba  o lugar.

As vacinas no Café

A principios dos anos 70 saiu unha normativa para a vacinación dos cans polo tema dos recentes brotes de rabia que se deran no país.
Á data sinalada todolos veciños acudiron co can collido do ramal ao Café, lugar de reunións para as ocasións. Ali había como mínimo entre 60 e 70 cans, máis das persoas que agora moramos neste mesmo lugar. O veterinario por turno íalles collendo o nome ao propietario, o nome do can a idade que máis ou menos podia ter e esí ata que lle chegou o turno ao Luis do Vila.

Veterinario: - Cúal es su nombre?
- Luis Álvarez
Veterinario:- El nombre del Perro?
- Nosé
Veterinario:-Pero hombre póngale un nombre
-Pero es qués,  Nosé. 
O veterinario estaba entendendo que non sabía como se chamaba o can e o Luis estaba intentando decirlle que se chamaba Nosé.
Ante as risas dos presentes o veterinario un pouco enoxado replicoulle :
Veterinario:-Oiga no se cachondee de mí y póngale un nombre al perro.
Ao final o acastellenizado veterinario entendeu que o can chamábaselle Nosé, e él mesmo logo do malentendido non aguantaba coa risa.

Pepa a Loba

Pepa Loba, atracadora e foraxida de finais do século XIX
Una das primeiras mulleres que dirixiu unha cuadrilla de homes, nunha época  onde algo así era impensable. Isto deu lugar a que despois dela calquera muller coa súa disposición e poder de mando fose alcumada como ela.

Hilario, o pai de Casilda,  morreu fai máis de cen anos. Contáballe á súa filla a historia que lle sucedía, aquel día no que grazas a un amigo que  o recoñeceu puido salvar  a vida.
A finais do século XIX, este bo home, dirixíase a casa da súa irmá,  que estaba en mellor posición porque estaba casada cun home podente. Ía con frecuencia a través dos montes, a pé, para recoller comida  e excedentes para traerllos  aos seus fillos.
Un deses días  viu un fume dunha fogueira e achegouse ata que logrou distinguir a unha muller  xunto cunha cuadrilla de homes asando unha becerra.  Quixo o destino que advertisen da súa presenza e tras amarralo levárono  enfronte da súa xefa PEPA LOBA. Logo dun duro interrogatorio a foraxida ditou sentenza.
- MATÁDEO!!!  . Era a famosa Pepa Loba e a súa cuadrilla de foraxidos. Un dos homes recoñeceuno    e falou na súa defensa, contado que era un pobre  e  unha boa persoa e que non ía dicir nada.
Pepa Loba enfurecida replicou de novo:  -Matádeo  que que paxaro morto non pía. O inesperado amigo do grupo volveu pedir clemencia polo seu amigo dando a cara por el e polo seu silencio. Nunca xamais volveu achegarse onde saíse fume polo medo que pasou e aínda que prometeu non contar nada,  non cumpriu a súa promesa,  de facelo esta historia non chegase ata os nosos días.

Os tres caldeiros

Moitos somos aos que nos contaron a lenda dos 3 caldeiros. A min persoalmente foi o Manuel de Barroso pero hai outras versións que din que non eran 3 caldeiros senón unha cadea de ouro pertencente a un rei. Parece ser que o tesouro está enterrado nalgunha parte entre  o Cimo  da Riba e o  Castro.

Sexa como for a lenda, só profundizando ou escavando no camiño descubriremos que é o que hai alí enterrado, se é unha cadea ou quizais tres caldeiros, quen sabe, se cadra repletos deses tesouros.

A lenda remataba predecindo  o reedescubrimento do tesouro polas cabras.

Hoxe por hoxe hai medios que poden ver o que nai debaixo da terra sen nin sequera cavar.

Tomás o enterrador

Quixo o destino que esta historia fora pública logo de que transcendera a través dos séculos de boca en boca dado o mal que sufriu o Tomás da Vila. Ainda hoxe queda en pe unhas das paredes da que fora a súa casa.

Entre as súas propiedades estaba unha das mellores fincas do pueblo, na actualidade da casa de García, a finca da costa de Piño, enriba do Fontao.
Contan que seica Tomás vendeullela a un  amigo e veciño por unha determinada cantidade de diñeiro. O pasaren uns meses, o veciño comprador presentouse na casa de Tomás a pedirlle encarecidamente un gran favor, que lle prestara os cartos que pagara polo prado para solventar un problema urxente e que nuns días llos devolvería.
Un confiado e incauto Tomás prestoullos. Pasaron os días e o diñeiro non volvía. Pasou o tempo e tivo que reclamallos e daquela soubo que xamais os voltaria a recuperar, nin os cartos nin o prado o que o levou a tolear prendéndolle lume ata a casa.O final non lle quedou máis remedio que convertirse no enterrador da nosa vila ata o fin da súa,  para  se poder manter.  O comprador tiña fama de moi mala persoa; conta a lenda que a noite que morreu tres gatos negros o foron a esperar a ventá do seu cuarto e a xente di que era o mesmo Demo o que lle foi buscar a alma.

A muller misteriosa

Foi máis ou menos pola época de Tomás da Vila, unhas décadas antes cando vivia en Piño unha afamada muller pola súa bondade e  xenerosidade.
Chegaron ata os nosos días as obras de caridade que cós pobres fixo o longo de tódala súa existenza. Contan que repartía ata o seu pan ata inclúso pasar ela mesma necesidade.
Cando morreu, enterrárona no primeiro cimenterio do Castro. Sorpresa de moitos foi cando o cabo de uns anos tiveron que mover a sepultura e descubrirona tal e como a enterraran. Todos estaban abraiadísimos por esa extrana situación  e ainda esi voltarona a enterrar noutro nicho.  Pasaron uns anos máis e por circunstancias que non transcenderon voltaron a desenterrar o nicho e voltaron encontrar o corpo da dona sen corrumpir.
Eí foi cando según contan a IGREXA soupo do caso e trasladou o corpo a outro  lugar indeterminado, considerandoa como SANTA.

A Virxe e o Espiño

Van pasando os anos e vaise quedando cada día máis lonxe o século XVII que é o que nos temos que remontar para ir a orixe desta lenda.

A igrexa orixinal da nosa parroquia estaba no Outeiro  ainda que se levaba a enterrar ó Castro. O motivo polo  que de alí se cambiou foi pola repetida  aparición da imaxe da virxe  tras un espiño.  A xente do lugar dicía que era un milagre e o cura párroco dicía que si a imaxe aparecera alí e qué  daquela Deus  quería que se construíra a nova igrexa nese lugar.  Así foi e así se construíu novamente na cima do Castro, co seu cemiterio adosado, onde aínda hoxe están os restos dalgúns dos invasores galos que viñeron a conquistarnos a principios do século XIX. 

Do anterior cimenterio situado tamén no Castro inda quedan vestixios. Os máis vellos contaron que de pequenos ainda lembraban os muros e a porta onde había unha burata que contiña unha calaveira.

Contan  que pasado máis dun século da construción da igrexa na cima do Castro, volveu aparecer a imaxe da virxe no actual sitio e os veciños, abraiados por semellante aparición, volveron a facerlle caso o párroco e  construíuse a igrexa no sitio que está na actualidade.

Foi o cura SAL, o que trouxo a igrexa para a súa ubicación actual fai uns 150 anos.

A lenda pon de manifesto a perseveranza da igrexa para provocar milagres o seu entoxo e conveniencia, cousa que debería facer todo o mundo con sentido do ben, e non como fan algúns que so pensan en dañar. 

Logo duns anos de estara igrexa  onde está na actualidade, voltou a aparecer a imaxe da virxe noutro sitio, mais esta vez os veciños, mais abispados que en séculos anteriores, ou quizáis máis pobres, reveláronse contra do cura e a igrexa quedou onde está.

O largo de máis de dous séculos, os diferentes curas de Piño, tiveron en común o segredo da aparición da virxe e de complice ó sancristán pra mover a imaxe o seu antoxo.

Morte na Fonte dos Lugo

A rivalidade dos homes polas mulleres  sempre foi motivo de tiranteces  e ata de asasinatos.

Aquela vez, os de Eixón mataron a un home a cuchiladas na Fonte dos Lugo....

Continuara...

En Piño pensamos distinto

A guerra civil española sentíuse tamén en Piño 

Pais que denunciaron aos seus fillos. 
Fillos que foron fusilados enterrados no monte e nais que de noite os ían buscar para enterrar na casa.
Incendios provocados polos do rexime inculpando a inocentes.
Denuncias de veciños por outros .
Pelexas entre irmáns por ideoloxías distintas.
Non esquecemos, ainda sabemos.

Pastor en Estados Unidos

O Xosé de Campelo foi o avó do Pipi, o bisavó do Xurxo.

De mozo tivo que emigrar como fixeron centos  e miles de galegos  na procura  dun lugar onde gañar diñeiro. 

O Xosé marchou para EEUU a principios do século pasado. Marchou traballar de pastor ás terras do norte  onde estivo máis de 20 anos.

Contáballe aos nenos da aldea, ao seu regreso, as historias que lle alí lle aconteceran.

Regresou con máis de corenta anos a Piño cun motón de diñeiro que gañara  en troques de pasar longos periodos de tempo aillado cos animais, de pastor, sen mediar palabra con ninguén,  máis que cada tres meses cando lle levaban víveres. A súa única compaña eran os cans-lobos que el mesmo adestraba e lle axudaban a coidar do gado.

Foi pois ao voltar cando se casou e formou a súa  propia familia.  Converteuse nun prestamista, daquela non existían os bancos e lamentablemente perdeu a maioría do gañado por non recuperar o préstado. Nalgúns casos tivo que quedarse  coa fianza que non cubría o importe do préstamo.  

O perigo dos fachós

Dende os anos 80 do século pasado temos luz pública en Piño pero antes os veciños tiñan que alumarse cos fachóns  para poder ver algo polos camiños.

Unha desas noites pechas ía a Sra. Carme de Outeiro  alumeándose cun fachón polo Requeixo. Sábese da aficción da dona pola augardente, que seica fou a causante de que perdera o equilibrio vatera  contra a palleira dos Ferreirolos. A piques estivo de arderlles todala casa. Inda hoxe, máis de 70 anos despois se poden ver as sinais que deixou na súa porta aquel desafortunado incidente.

Pero á señora Carme de Outeiro pésalle moito máis a fama de boa persoa, que os rumores do seu gusto pola augardente. Empoderada muller no seu tempo, lista e emprendedora e que tantos e tantos papeis arranxou e tanta xentiña  e que acompañou alén do mar.

O home que matou ao seu xenro

Unha muller da casa dos Vila casou cun do Lor coñecido co pseudónimo do Lorés porque viñera desta zona.

Unha das súas fillas casou con Benito  Balboa da  casa de Carnera e vivían na fragua actual dos García. Todalas noites Benito levaba a besta a durmir a unha cuadra que tiña a súa muller na lexítima que lle correspondía na casa do Vila pero ao pai dela non lle gustaba que fixese iso e tiñao avisado de que non o levase para alí. Unha noite cando  deixou á besta o sogro clavoulle un coitelo e matouno pero foi o fillo deste, irmán da muller, e dicir o cuñado, o que acarreou coas culpas e saiu fuxindo cara o Lor para mais tarde embarcarse cara Arxentina.

Parece ser que un home foi testemuña e calou, o da casa do Voluntario.  A viuva quedou  cun meniño pequeniño pero pronto voltou casar cun dos Gobernantes  Casa dos Alvarez ( Vila, Murra, Gobernante) e tivo outros dos fillos a sra Benita e o Sr. José María.

Sabemos que do primeiro matrimonio  houbo un fillo que marchou para a Coruña. Foi Policia Municipal e  tivo,  que saibamos, dous descendentes, unha monxa e outra filla que non tivo descendencia.